Infobrion Correo Electrónico

Cooperativa, activa e organizadora.

InfoBrión homenaxea a María Jesús Martínez, tras anuncia-la súa marcha a outro centro. Profesora,exdirectora, e membro do equipo de dirección de Cesar,exdirector de Pedrouzos.

Compostelana de nacemento, séntese unha brionesa máis, xa que leva case a metade da súa vida laboral traballando no Colexio de Pedrouzos, realizando diferentes labores; dende coordinadora do comedor, pasando por mestra, e actualmente, directora do centro. María Jesús naceu en 1954 en Santiago de Compostela, e medrou no popular barrio de Pontepedriña. Alí viviu unha infancia feliz, xunto cos seus pais, o seu irmán, a súa avoa, e a súa tía. Se con todos eles mantivo unha relación especial, mención aparte merece a ligazón coa súa tía, a quen considera a súa "segunda nai". Ela foi quen a criou dende moi pequena, e con quen viviu durante moitos anos da súa infancia. Tamén foi moi importante na súa vida o seu irmán, 12 anos maior ca ela, que exerceu de pai cando éste morreu, tendo ela 14 anos. Con ámbolos dous, mantén unha relación moi estreita, da que se sinte moi orgullosa.

Cando María Jesús era nena, non era difícil ve-la xogar polas rúas do barrio de Pontepedriña coas súas amigas. A gama de xogos era ampla e diversa: a goma, que era o xogo de moda da época, o brilé, as casiñas, as bonecas... Pontepedriña era naquel tempo un barrio de cidade pequena, pero tamén un barrio de aldea rodeado de campos e leiras que servían como lugar de xogo para os nenos e nenas da zona. María Jesús era, por suposto, unha delas. Co seu grupo de amigas organizaban excursións, investigaban ou recollían follas para despois xogar con elas. A imaxinación era un instrumento máis de xogo. Tamén recorda que o non ter televisión na casa, ás veces reuníanse na casa dunha amiga para ver algunha serie, coma "Bonanza" ou "Reina por un día". É difícil non comparar a súa infancia coa dos nenos cos que traballa. As diferenzas son moitas e evidentes, sobre todo en canto á forma de xogar, ou aos medios dos que dispoñen os nenos e nenas de agora.

Maria Jesús estudiou no Colexio das Orfas, en Santiago, onde xa empezou a senti-la chamada da educación. A súa foi unha "vocación temperá", xa que lle gustaban os nenos dende ben pequena; tendía a xogar con eles, a mimalos e ata a ensinarlles as letras. "Eu de maior quero ser coma eles", pensaba a pequena María Jesús cando vía traballar aos seus mestres. O seu destino parecía estar claro cando, despois de face-lo Bacharelato no Instituto Rosalía de Castro, tivo que decidir que camiño coller. Este camiño levouna directamente ao Burgo das Nacións, antiga sede da Facultade de Maxisterio.

Nos seus 30 anos de profesión, María Jesús percorreu media provincia de A Coruña, e case tódolos niveis do ensino, exceptuando os cursos de Infantil. Comenzou a traballar no desaparecido Colexio Santa Ana de Santiago, ubicado preto do actual Colexio Manuel Peleteiro. De alí pasou á Escola de Rianxo, onde estivo dous anos, e do que garda moi bos recordos. Gústalle moito os pobos de mar, polas paisaxes, pero sobre todo polo carácter da xente. O destino volveuna levar a unha zona marítima, Cabo de Cruz, un pequeno pobo preto de Boiro. Alí quedou catro anos, nos que exerceu de mestra a tempo completo, debido a que a súa vivenda estaba no piso superior da escola. Aínda que xa dende pequena formou parte de diversos grupos de baile galego, alí reforzou o seu interese polo folklore da terra, dando clases de danza, e formando grupos cos que chegou a organizar festivais xunto con outras compañeiras. Foron tempos moi fermosos na súa vida.

Casada dende o ano 1976, ten dous fillos, e por eles decidiu pedir o traslado a un lugar máis preto de Santiago. Recalou en no Colexio Público de Bembibre onde estivo 4 anos. Pero na súa mente xa estaba Brión, un concello que sempre lle gustara. Tal foi a casualidade, que antes incluso de que saira a praza do Colexio de Pedrouzos a concurso, e traballando aínda en Bembibre, decidiu comprar unha casa en Brión. O destino volveuse poñer da súa parte, cando a praza saiu a concurso. María Jesús non o pensou e presentouse, e o resto é historia... Unha historia que dura xa 14 anos.

Aínda que por motivos personais tivo que mudarse ao concello de Ames, a súa vida se desenvolve principalmente en Brión. Desta zona encántalle a súa tranquilidade, a situación xeográfica, e as súas paisaxes. Aquí síntese totalmente integrada, e querida, sobre todo polos nenos. María Jesús ten boa memoria e recorda a tódolos alumnos, tanto aos actuais coma aos antigos. Gústalle sobre todo, atoparse con eles pola rúa, e interesarse polo que están facendo na actualidade.

Volvendo a vista catorce anos atrás, para María Jesús, o concello cambiou moito daquel tempo a hoxe. Evolucionou, medrou, modernizouse, e quizais tamén perdeu no camiño un pouco da esencia dos lugares pequenos e familiares. María Jesús enténdeo, e aínda que recoñece que lle gustaba "o Brión de antes", é positiva en canto aos cambios que se viñeron realizando, e os que aínda están por chegar.

A súa valoración xeral do concello e moito máis que positiva. Cree que urbanísticamente está crecendo sen estridencias, equilibradamente, sen grandes bloques de pisos, e así espera que continúe. Emprega habitualmente os servizos, e está moi satisfeita do seu funcionamento. María Jesús considera que, noutras áreas, coma en cultura ou servizos sociais, Brión sempre foi un concello pioneiro, dándolle a importancia que merecen estas áreas e ofrecendo moitas oportunidades aos habitantes da zona. O seu único desexo é que, tanto no colexio, coma no concello, todo continúe tan ben coma sempre.



Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela