Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
XXI Festival de Títeres de Brión
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Os monicreques regresan a Brión en Aninovo

Infobrion.com

Un reencontro que non pode faltar no Nadal é o que protagonizan os máis pequenos e pequenas de Brión cos pándegos monicreques do tradicional Festival de Títeres. Un ano máis, e xa suman vinte e un, os graciosos monifates volven ao espazo multiusos do Centro Social Polivalente para presentar tres rexoubeiros seráns cargados de risas e diversión.

Estes entrañables personaxes, que tanto gustan a público grande e pequeno, comezan a súa xeira brionesa o día 2 de xaneiro con Caramuxo Teatro e a obra "As fabas máxicas". Un espectáculo que mestura o teatro de actor e os monicreques para contar a historia de Xan, que vive nun pequeno apartamento dun dos edificios mais altos de Nova York. Coidando as plantas da súa terraza, descobre algo sorprendente, que lle lembra unha asombrosa infancia chea de aventuras.

O día 3 de xaneiro, Títeres Trompicallo faranos rir con "Violeta Coleta contra ás salchichas gulp". A Violeta gustaríalle comer salchichas todos os días, tamén lle gustaría perder de vista ao pesado do seu irmán Lois. Porque agora todo é diferente, papá e mamá sempre andan con présas e xa non teñen tempo para ela: cueiros, cacas, biberóns... Isto non é vida para unha nena! Oxalá Lois desaparecese e non volvese velo nunca máis! Oxalá puidese ver a tele, saír cos amigos e comer salchichas sempre que quixese! Violeta, axiña descubrirá que os desexos poden converterse en realidade.

O mércores 4 de xaneiro, Tanxarina Títeres pechará o festival con "Titiricircus", un espectáculo que lembra a través das marionetas de fíos a gloria daquel vello e desaparecido circo. Xogando de xeito participativo co público, van aparecendo sobre o escenario algúns daqueles vellos números circenses: o home máis forte da Península, o malabarista máis divertido do mundo, etc.

Todas as representacións celebraranse no Centro Social Polivalente ás 17:30 h., con entrada de balde ata completar o aforo.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela