Infobrion Correo Electrónico

Entrevista a Begoña Fontenla e Juan Freire

Concello de Brión

En Brión a nosa familia pode vivir cunha calidade de vida que non hai noutros sitios. Begoña Fontenla e Juan Freire son un matrimonio “mediático” residente en Bemil, na parroquia de San Xulián de Bastavales. “Mediático” non porque teñan semellanzas cos Beckham senon porque non só comparten vida e dous fillos, senón tamén profesión. Ambos son xornalistas e mesmo traballan na mesma empresa: a Televisión de Galicia. Ela é un dos rostros máis coñecidos da pequena pantalla, onde leva xa varios anos presentando os informativos da TVG. Él traballa detrás da cámara, dirixindo o informativo Bos Días da mesma cadea. Ambos levan xa uns anos vivindo en Brión, unha terra que elixiron para criar aos seus fillos xa que consideran que se trata dun lugar “onde a nosa familia pode vivir cunha calidade de vida que non hai en moitos sitios e, ao mesmo tempo, tampouco está fóra do mundo”.

Begoña Fontenla, presentadora do Telexornal Mediodía da TVG, e Juan Freire, director de informativos do programa Bos Días en TVG.




¿Canto tempo levades vivindo en Brión?
Begoña: Vai para sete anos en abril de 2008.


Juan de Lugo, Begoña de Vigo, ¿qué foi o que vos atraíu de Brión para escollelo como lugar de residencia?
J: Isto foi un pouco por casualidade. Antes de coñecer a Begoña eu xa tiña comprada esta casa xunto cun compañeiro. Esta casa era unha ruina e houbo que facer un forte investimento nela. Despois de coñecer a Begoña, de casarnos e de ter fillos, plantexóusenos o tema de sair de Santiago e vivir nun sitio máis agradable. Así, en vez de comprar un adosado ou un piso noutro sitio decidimos restaura-la casa e vir para aquí. Foi un pouco unha sucesión de casualidades e ter este sitio, xa que pareceunos mellor que os nosos fillos se criaran aquí ca nun sitio máis urbano.
B: Eu crieime no medio de Vigo, pero nunha casa con finca. E entón eu sempre tiven claro que se tiña fillos non quería crialos nun piso.

Tendes dous cativos, que xa son brioneses.
J: Sí, aínda que non naceran os dous aquí xa son brioneses.
B: A nena non recorda para nada Santiago. Ela naceu aló pero cando vimos para aquí tiña tres anos e non recorda nin Santiago, nin a casa, nin nada.
J: O neno sí, que ten dous anos máis, pero pouco.
B: Pero o neno dende que chegamos aquí non quere pisar Santiago.

Estades moi implicados na vida municipal brionesa e participades en diversos actos como as festas de Nadal ou do Entroido, e Begoña mesmo como presentadora dalgúns eventos.
B: Sí, eu fixen de paxe dos Reis Magos, aínda que iso foi de Alberto e de Trigo. Ó coñecelos a eles sempre te vas implicando máis. E no caso de Xoán é polo fútbol.
J: Sí, eu fun directivo do Bastavales e con Begoña estivemos metidos no tema das comparsas. Supoño que se ti ves a vivir a un sitio, o que tes que facer é coñecer á xente e integrarte. Vir a un sitio pequeno e non relacionarte coa xente é un erro, non ten sentido.
B: E nós tivémo-la sorte de que este sitio está moi ben.

Por certo, cunha profesión tan esixente, polo menos no número de horas que hai que adicarlle, como é a do xornalismo, ¿cómo levades o da conciliación da vida laboral e familiar?
B: Imaxina que son 16 ou 17 quilómetros a Santiago, e máis outros sete ata a tele. Mínimo media hora. E cada vez hai máis tráfico e atascos no Milladoiro, atasco na autopista...
J: A verdade é que temos unha muller, veciña de Brión, que nos axuda e, ademais, temos a vantaxe de que a nosa empresa permítenos facer turnos para concilia-la vida laboral e familiar. Así, facemos por que non coincidan mal os horarios para poder ter un tempo para estar un pouco cos rapaces.
B: Ademais en Brión hai cousas moi activas, teñen todas as actividades pola zona e os nenos móvense por aquí. Hai moita xente maior que vive nas aforas de Santiago e segue indo ao centro a case todo. Nós queremos que os nosos nenos queden e crezan aquí.
J: Ademais, nós temos un horario continuo de sete horas. Cando tes un horario partido é moi complicado conciliar a vida laboral e familiar. Ademais, aquí o colexio da pequena ten comedor, o que é unha facilidade.

Falemos un pouco do voso traballo. Begoña, ¿cómo se leva iso de se-lo rostro máis popular das noticias?
B: Non son o rostro máis popular, máis ben digamos que son das máis veteranas, porque son moitos anos. Agora temos unha etapa nova e o de cómo o levo... pois se toma como se toma, porque aquí es quen eres, non es o rostro das noticias.

¿Cal é a noticia que coa que lle gustaría comeza-lo telexornal de mañán?
B: Habería moitas, ¡que se acabou a Guerra de Irak!, que diría unha Miss (risos). Non, en serio, por exemplo que a ría de Vigo, que ten tantos problemas, estivese prácticamente sen contaminar; ou que o río Xallas xa vai verter ao mar sen a presa... Cousas desas, porque en Galicia hai moitas relacionadas co medio ambiente.

¿E se tivese que dar unha boa nova sobre o Concello de Brión?
B: Que se vai investir moito na conservación do patrimonio, no Castro Lupario, nas Torres de Altamira... E que se van poñer en valor e vai vir moita xente a velos.

¿A noticia máis complicada que tivo que dar?
B: Cando Xoán e eu só eramos amigos, e el estaba en Irak, tiven que da-la nova de que comezaban a cae-las bombas. Aquela noite do 17 de xaneiro el estaba aló de reporteiro e creo que ése foi un deses días nos que saes con lágrimas nos ollos pensando no teu amigo.

Xa que falamos de erros, seguro que nestes dous anos houbo algunha anécdota simpática no Telexornal da que os telespectadores non nos enteramos, ¿con cal te quedarías?
B: Nesta última etapa, con Alfonso Hermida houbo un momento en que tiñamos unha intro compartida e el se deu a volta para que eu falase. E eu quedei mirando para el porque pensei que acabara ahí a noticia. O realizador meteu a noticia porque eu non falei, e deunos tal ataque de risa aos dous que tivemos que levantarnos. Foi desas risas que acaban tendo que maquillarte case outra vez.

Juan pasou por varias zonas quentes do planeta como Chile, Arxentina, Alxeria ou Kosovo. ¿qué lle aportaron experiencias tan duras coma éstas?
J: Sobre todo o que che aportan estas experiencias é que, como xornalista, ves como é o ser humano. Porque cando o ser humano saca todas as miserias e as súas bondades é nestas situacións límites como son unha guerra ou unha gran catástrofe. Tamén se estou nesta profesión é un pouco por aqueles reporteiros do Vietnam que veías nas noticias de pequeno e pensabas que se algún día chegabas a ser xornalista gustaríache ir aló e contar as cousas dende alí, dende o meu punto de vista. E contalas dende alí, non dende fóra, sen coñecer o que sufre a xente. Eu creo que son sitios nos que hai que estar e non me gustaría ser xornalista sen ter vivido esa experiencia

O de pasar de estar diante das cámaras a estar detrás, ¿foi unha decisión persoal ou pensaba que cunha persoa na familia xa chegaba?.
J: A min nunca me gustou. Begoña e máis eu coincidimos un mes presentando o Telexornal 2 e, a verdade, nunca me gustou. Eu son máis un xornalista de andar pola rúa buscando noticias, entrevistando á xente... Presentar foi unha experiencia boa e bonita, que hai que ter se traballas en televisión, pero creo que fago mellor outras cousas.

Por último, ¿cómo e onde vos vedes dentro de cinco ou dez anos?
B: Non sei, como cada día aprendes e ves as posibilidades do medio no que estás, sempre estas ao que veña. ¿Dentro de cinco anos?. Como din os daquí, con tal de que haxa saúde...
J: É moito tempo pero supoño que traballando. E cando chegue a hora do retiro véxome nunha praia do Caribe, baixo dunha palmeira e tomando mojitos. Outra cousa é que se poda facer.


BEGOÑA FONTENLA

Descríbame Brión con tres palabras.
Tranquilidade, alegría e verde.

¿Qué é o que máis lle gusta deste concello?
A cercanía.

¿Qué bota en falta?
Eu un cine ou máis libros para a biblioteca.

¿Cal é o seu lugar favorito de Brión?
A ponte do Río Tinto que me encanta.

¿Cal é o seu mellor recordo de Brión?
Son moitos, todo o que atopei aquí. Non me refiro á casa en sí senon o grupo de amigos, o grupo de veciños, a tranquilidade de cria-los nenos na aldea.



JUAN FREIRE

Descríbame Brión con tres palabras.
Serenidade, natureza e calidade de vida.

¿Qué é o que máis lle gusta deste concello?
A tranquilidade da aldea. Atopei un lugar onde a miña familia pode vivir cunha calidade de vida que non hai en moitos sitios e, ao mesmo tempo, tampouco está fóra do mundo.

¿Qué bota en falta?
Unha piscina climatizada cercana.

¿Cal é o seu lugar favorito de Brión?
A Carballeira de Santa Minia.

¿Cal é o seu mellor recordo de Brión?
Cando acabei as obras da casa, ¡por fin!.

NOTA: Esta entrevista foi a publicada no número 68 da Revista Altamira de Outubro do 2007

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela