Infobrion Correo Electrónico

Alfredo Conde: O que che permite a novela é vivir máis vidas ca túa

GIS-T Idega

Alfredo Conde Cid, escritor de prestixio, mariño de vocación e brionés de adopción, abriu as portas da súa casa e da súa memoria a InfoBrión, con quen fixo un percorrido pola súa intensa biografía. Dende o seu nacemento en Allariz no ano 1945 ata o seu actual día a día en Brión, Alfredo recordou anécdotas e vivencias, ademais de da-la súa opinión sobre a evolución de Galicia nos seus máis de sesenta anos de vida.

Aínda que alaricano de nacemento, a súa infancia trascorreu entre tres cidades. Pontevedra, onde foi cos seus pais cando contaba só tres meses; Ourense, lugar no que residiu coa súa avoa, e o propio Allariz, pobo do seu avó e paraíso particular do cativo Alfredo.

"Moitos cambios de residencia, moitos cambios de colexio...", así resume o escritor este período de vida. A inevitable "emigración interior" do seu pai como represaliado político convertiu a súa nenez nun período de idas e vidas, do que o seu protagonista garda na memoria recordos vivos. Un destes primeiros recordos nos transporta a Ourense, alá polo ano 1948, cando Alfredo contaba apenas tres anos. A imaxe é a dun neno choroso, triste pola marcha dos seus pais tras unha visita, tumbado sobre as sábanas usadas.

Retazos de vida, imaxes e sensacións que o Alfredo adulto recorda cun sorriso. Retomando a súa vida en Ourense véñenselle á mente frases como: "Que suerte dormir en Camas Fuertes"; "Soy feliz porque me viste Ortiz", cuñas publicitarias repetidas diariamente en RNE Sevilla, emisora de referencia na casa da súa avoa Regina. Como tampouco olvida a Trum, un foxterrier propiedade dos seus tíos que se escapaba cada tarde para visitar ó pequeno Alfredo.

E de escapadas tamén sabe o escritor. Con sete e oito anos, fuxía de Ourense cara Allariz onde lle esperaban tardes de merenda e xogo co seu avó paterno, Luís. Un referente durante toda a súa vida e cómplice destas fugas vespertinas no Autobús do Villalón. Allariz era o seu paraíso particular, un lugar onde todos o coñecían e respetaban por se-lo neto do médico da pobo. Tal era o agarimo que se lles profesaba na zona que en máis dunha ocasión, tendo perdido Alfredo o autobús de volta a Ourense, o propietario da empresa de transporte, Juan Villalón, puxo á súa disposición un vehículo para el solo. Para o escritor, "Era unha infancia na que era posible vivir así, en dentes de serra...".

O Alfredo neno era un rapaz travieso quen facía "auténticas barbaridades" en colaboración con algúns dos seus curmáns paternos, quen aproveitaban a permisividade da que desfrutaban en Allariz para planear, e executar, todo tipo de enredos.

O período escolar de Alfredo trascorreu maioritariamente en Pontevedra. Na cidade acudiu ó Parvulario do Instituto e tamén alí realizou a preparatoria do Bacharelato no Colexio "A Inmaculada". Tras un paréntese no Centro dos Salesianos de Ourense, volveu a Pontevedra para remata-la Secundaria, lugar no que ademais de aprende-las materias, tamén aprendeu a ama-lo mar. Un sentimento que o levaría a facerse mariño, en detrimento da tradición médica familiar. Tras un primeiro intento de entrar na Escola Naval Militar de Pontevedra, Alfredo marchou a Coruña onde, tras estudiar na Escola Naútica, comezou unha breve carreira como mariño mercante.

Alfredo volveu a terra para casar e traballar no Banco Hispanoamericano de Pontevedra. Labor que compaxinaría cos seus estudios de Xeografía e Historia na Universidade de Compostela, e que o conducirían inexorablemente cara a escritura. Pero a literatura non foi a súa única labor durante estes anos. Profesor de Historia, vocal do Consello de Administración de CRTVG ou Conselleiro de Cultura da Xunta, foron só algúns dos cargos desempeñados por Alfredo, se ben é a súa faceta de autor pola que é máis coñecido.

"O que che permite a novela é vivir máis vidas ca túa... A min o que me apetece é roubarlles vidas á morte". Esta é a perspectiva coa que Alfredo mira a súa obra, un desexo que lle convertiu no autor galego que viviu en máis épocas. Dende o século XVI ó XX, Conde vestiu os panos dos seus protagonistas. "Eu vivín na pel de tódalas personaxes que creei... Fun muller, fun Breixo, fun homosexual... Fun moitas cousas". A intensidade da asunción das reflexións das novelas conleva, polo tanto, a obriga da liberación posterior de cada unha delas. Só nunha ocasión Alfredo empregou rasgos autobiográficos na creación dunha novela, foi o caso de "Sempre me matan", texto nacido a partir do consello de Torrente Ballester de escribir sobre o mar. Así o fixo, converténdose no camareiro dun trasantlántico, e empregando os seus coñecementos mariños no desenvolvemento da narración.

O piso de arriba da súa casa de Brión é o lugar onde crea as súas historias. Son máis de 18 anos os que pasaron dende que Alfredo se mudou ó Concello e di estar "feliz" ó mesmo tempo que desexa "seguir moitos anos así". Lonxe quedan aqueles tempos nos que a zona era completamente rural, cando en Bertamiráns a xente aparcaba no medio da estrada e tódalas casas eran baixas como a do Doutor Ulloa. Segundo as súas propias verbas a Galicia de agora pouco ten que ver coa de hai vinte anos, "é outro mundo". O cambio de sistema ocupacional levou á desaparición das parroquias, así como a esencia "recolectora" da sociedade galega. "En vinte anos pasamos de ser predadores a ser productores, cultivadores de marisco... Pasamos de ser neolíticos a líderes mundiais en cultivos mariños", así o ve Alfredo, e aínda que cauto en temas como a lingua, da que di que se está a perder a causa da "autocomplacencia" e do "ensimismamento" no que estamos sumidos, a valoración global desta evolución non pode senón ser positiva. "O cambio está en todo. Grazas ó arredamento histórico, ó illamento total no que vivimos acadamos formas de expresión moi puras e as ensamblamos moi ben coa modernidade", afirma, "son formas de expresión propia con técnicas que son universais, por iso temos esta potencialidade".

Brión entra desta perspectiva positiva do avance positivo. Alfredo compara o crecimento do Concello con outras zonas próximas e asegura que "está mellor coidado". A "superpoboación" que está a afectar dalgún xeito ó municipio opina que "é necesario. Débese compaxinar necesidade e desexos de mellorar, de vender... E creo que isto está bastante axeitado no Concello". Para o escritor unha asignatura pendente en Galicia é a recuperación medioambiental. O propio Alfredo da solucións a este tema, baseándose na experiencia de lugares como San Antonio (Texas, Estados Unidos) ou Australia, onde a presencia da auga ou dos parques naturais é constante. A creación en Galicia dunha reserva na que se reproduxese a vida da fauna autóctona en espazos acotados; represa-los ríos para que a auga encore ou a construcción de paseos mediante pontes e pasarelas, aumentarían, segundo o seu punto de vista, a riqueza natural do noso país.

Terra de contrastes, pero claramente posicionada no chamado "primeiro Mundo", o futuro de Galicia dende o punto de vista de Alfredo continúa na liña da transformación e do cambio. "A Galicia de dentro de vinte anos será tan diferente como a de hai vinte anos a agora", remata.

Todo o equipo de InfoBrion.com quérelle da-las gracias a Alfredo Conde por deixarnos coñecer a súa parte máis persoal e compartir con nós recordos, tempo e coñecementos.

Se queres saber máis sobre Alfredo Conde podes visita-la súa páxina web premendo no seguinte enlace:
www.alfredoconde.com

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela