Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
<Ant | 2  3  4  | Seg>
Separador
Entrega dos Premios Peña Novo 2016
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

O Concello de Brión recibe o Premio Peña Novo pola promoción e defensa da Lingua galega

Infobrion.com

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, recolleu de mans do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o XXII Premio Lois Peña Novo outorgado ao Concello de Brión pola súa utilización de xeito ininterrompido do galego dende 1979 e pola realización de accións en defensa da nosa lingua. Uns galardóns entregados na noite de onte no Castelo de Soutomaior pola Fundación Lois Peña Novo como recoñecemento do uso do idioma galego no ámbito profesional e que este ano foron concedidos ao Concello de Brión e aos profesores Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xosé Manuel Cid Fernández.

Xosé Luís García explicou que considera que este galardón "é un premio a toda a veciñanza de Brión, a todos os veciños e veciñas de cada unha das súas nove parroquias". O alcalde brionés, que salientou o feito de que este galardón coincida co centenario das Irmandades da Fala, apuntou "certo paralelismo entre o que fixo Lois Peña Novo, cando empregou o galego na súa toma de posesión como concelleiro electo no Concello da Coruña; e o que fixemos nós o 28 de abril de 1979, cando fomos o primeiro Concello de Galicia que escribiu as súas actas no noso idioma".

"As casualidades da vida quixeron que hoxe estea eu aquí lembrando eses dous feitos históricos, cando precisamente o próximo xoves se cumpren 96 anos daquela histórica toma de posesión de Peña Novo", lembrou Xosé Luís García, quen asegurou que "aquel 7 de xullo de 1920 é unha data histórica no seo das Irmandades da Fala, pois significou que o noso idioma se escoitase por vez primeira nun salón de plenos. Imaxinades o rebumbio que se debeu montar? Todo un concelleiro usando o galego nun discurso oficial, a lingua da xente, dese barrio obreiro de Monte Alto polo que foi elixido. Por primeira vez púñase de manifesto que o galego non só valía para compor versos ou para falar na aldea, senón que se podía empregar acotío na vida administrativa e institucional. Pero fixádevos que triste: terían que pasar case 59 anos máis para que ese mesmo idioma se trasladara á escrita".

Neste sentido, o alcalde brionés explicou que "esa acta do Concello de Brión do 28 de abril de 1979 é a primeira redactada en galego dende o século XVI. Por unha banda, supuxo un feito histórico para a nosa lingua. Por outra, foi tamén unha declaración de intencións dun grupo de veciños e veciñas que chegabamos ao mundo da política con gañas de facer cousas pola nosa veciñanza. E aló seguimos 37 anos despois, polo que supoño que non o debemos de ter feito moi mal".

Agradecementos ben merecidos

García agradeceu a distinción concedida pola Fundación Lois Peña Novo e felicitou aos outros dous galardoados este ano. Así mesmo, tivo un recoñecemento especial para Luciano Pena Andrade, "unha persoa que estivo ao meu lado dende o principio e que penso que merecería estar aquí comigo recibindo este premio. Pero iso non vai pasar, pois a súa modestia é tan grande como o traballo que fixo, fai e espero que seguirá facendo por Brión por moitos anos". Co fundador da revista "Altamira", onde segue a escribir as súas "Historias de Brión", Luciano Pena "actuou como normalizador lingüístico do Concello de Brión, cando aínda nin existía esa figura. Así era o corrector de todos cantos bandos, escritos e actas se facían e, por certo, aínda que hoxe está xubilado, segue a ser o corrector lingüístico da revista Altamira".

Ademais, o rexedor brionés aplaudiu as palabras do historiador Clodio González, encargado de facer a laudo inicial do Concello de Brión. De feito, Clodio fixo un repaso pola historia e actividades realizadas polo Concello na defensa e promoción do noso idioma: dende a acta do 28 de abril de 1979, "un atrevemento inusitado, xa que mentres non se demostre o contrario, polo de agora é a primeira redactada en galego por un dos nosos concellos quizais dende o século XVI", ata as iniciativas culturais, edición de libros ou publicación de "Altamira", a revista municipal en activo máis antiga de Galicia e redactada integramente en Galego.

"Por esta traxectoria ininterrompida a prol da nosa lingua e cultura ao longo de case corenta anos, o concello de Brión, repetindo as verbas dos homes das Irmandades da Fala, das que se cumpriu hai uns días un século da súa constitución, ben merece figurar entre os bos e xenerosos", apuntou Clodio González.

Fallo do xurado

O xurado decidiu premiar ao Concello de Brión "pola utilización desde 1979 e de xeito ininterrompido da lingua galega como lingua de uso no Concello, tanto para as tarefas administrativas como para desenvolvemento de accións dirixidas ao pobo". Un xurado que estivo composto por Ángel Carracedo Álvarez (catedrático de Medicina Legal da USC premiado na edición anterior), Rosa Castro Legazpi (escritora de guións e asesora lingüista da TVG), Soledad Ríos Santomé (filóloga e presidenta da Lonxa Literaria), Xosé Ramón Paz Antón (músico, pintor e historiador), Héitor Picallo Fuentes (escritor e ilustrador) e Carmen Pérez Vaquero (secretaria da Fundación Lois Peña Novo).

O xurado salienta "a organización no ano 1988 do primeiro Equipo de Animación Cultural existente en Galicia, constituído por mozos e mozas que serviron de nexo entre a cidadanía e a administración" e destaca "a preocupación do Concello ao longo dos anos pola defensa da identidade como pobo, fomentando obradoiros que recollen experiencias herdadas dos devanceiros para que sirvan de exemplo ás novas xeracións". Finalmente, o xurado recoñece a importancia de que ten que ao longo destes anos se teñan continuado co proceso de normalización do uso da lingua galega, "que provocou que siga sendo o idioma de comunicación habitual entre os seus habitantes".

A secretaria da Fundación Lois Peña Novo, Carmen Pérez Vaquero, felicitou ao alcalde brionés, Xosé Luís García, "polo esforzo feito en manter acesa a lingua e a cultura de Galicia entre a mocidade. Actitudes como esta son as que se necesitan para ter un apoio real á lingua e que se converta na lingua vehicular de uso entre a sociedade". Pola súa banda, Xosé Luís García agradeceu a distinción porque "é un recoñecemento ao labor que levamos facendo en Brión dende hai moitos anos en defensa da nosa lingua, pois non podemos esquecer que fomos o primeiro Concello de toda Galicia en escribir as súas actas plenarias en galego".

Ao acto acudiron membros de todos os grupos políticos con representación no goberno municipal, técnicos e traballadores do Concello, así coma numerosos veciños e veciñas de Brión que non quixeron faltar a un evento tan sinalado.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela