Infobrion Correo Electrónico

A Biblioteca Municipal presenta a súa programación de actividades 2010

Casa da Cultura. Concello de Brión

O programa de actividades para 2010 inaugúrase cun recital de poesía que ten á muller como protagonista.

Ademais de “Xogando cos contos”, actividade anual dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos de idade , o Departamento de Cultura e a Biblioteca Municipal propoñen para 2010 unha serie de eventos lúdicos e culturais deseñados para promover entre os veciños, especialmente os máis novos, o achegamento ao libro e a lectura como medios difusores da cultura e da información, ademais de inmellorables alternativas para gozar no tempo de lecer.

A programación comeza este mes de marzo, no que destacan tres propostas deseñadas arredor de outras tantas efemérides:

8 de Marzo, Día Internacional da Muller:
“Rosalía de Castro: poeta da liberdade e da independencia”
Trátase dun recital poético a cargo de Carmen Blanco consistente na lectura comentada de poemas de Rosalía de Castro sobre o tema da liberdade de Galicia e das mulleres no contexto da liberdade humana xeral. Mostra da Rosalía poeta viva para a loita pola liberdade no noso tempo.
Este espectáculo realizase en colaboración coa Biblioteca Escolar “Roberto Vidal Bolaño” do IES de Brión e vai dirixido a mozas e mozas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do deste centro educativo.

21 de Marzo: Día internacional da poesía:
O domingo 21 de marzo celebrase o día internacional da poesía convocado pola UNESCO dende o ano 2000 co fin de apoiar aos novos poetas e potenciar á poesía e a súa relación coas demais artes (teatro, danza, música…)
Na semana do 22 ao 28, conmemórase esta efeméride cunha programación especial que comeza a principios de semana cunha exposición bibliográfica sobre a poesía galega e un serán a cargo de Marisa Irimia.

“A poesía é divertida” con Marisa Irimia, é unha presentación, coa axuda dos rapaces, dunha divertida historia sobre a poesía. Tamén, a través dalgunhas poesías, os nenos decataranse de que a poesía non ten nada de aburrida.
O espectáculo vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos de idade participantes na actividade de animación á lectura “Xogando cos contos”.

O mes rematará coa celebración do “Día Mundial do Teatro” e a actuación no Centro Social Polivalente da compañía de teatro afeccionado DITEA, que presentará “Acto imprevisto”, nunha función dirixida a maiores de 13 anos.

Abril:

En abril os eventos previstos vanse centrar na “Semana do Libro Infantil e Xuvenil”, cun contacontos a cargo de Migallas Teatro, destinado aos nenos participantes na actividade “Xogando cos Contos”; no “Día Internacional do Libro” cunha conferencia de Eva Veiga dirixida aos rapaces de Bacharelato do Instituto, coa poesía como protagonista. Para rematar, e tamén coa colaboración do IES de Brión dentro da “Semana da Oralidade”, realizarase un Obradoiro de Regueifa a cargo de Xosé Manuel Varela.


Maio:

En maio, mes das nosas Letras, a gran protagonista vai ser a Feira do Libro de Brión, que dende o 10 ao 31 deste mes vai ofertar unha variada programación de actividades de promoción da lectura dirixidas a nenos e nenas de todos os niveis educativos do concello: recitais, contacontos, teatro, títeres, espectáculos de maxia, ademáis da xa tradicional exposición bibliográfica.

Xuño:

No mes de xuño, presentamos un recital para coñecer a obra e figura do poeta Uxío Novoneira. “O ramallo de prata” é un espectáculo poético-musical con poemas escollidos da obra completa de Uxío Novoneyra -homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas- polo Grupo Ouriol formado polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, xunto á poeta e recitadora Eva Veiga

Outono cultural:

No outono, e para celebrar o “Día internacional das bibliotecas”, o Departamento de Cultura e a Biblioteca Municipal organizarán, de novo en colaboración coa biblioteca escolar do IES de Brión, un obradoiro de textos teatrais clásicos e contemporáneos coa participación activa do alumnado do instituto e dirixidos por unha persoa vinculada coa escrita escénica.

O 15 de novembro, no día de Rosalía de Castro, escritora vinculada a este concello a través da súa evocación das “Campanas de Bastavales”, proponse un espectáculo teatral da compañía “Crearte” dirixido aos máis pequenos: “Coñece a Rosalía de Castro”.

Nadal:

Para rematar o ano, non vai faltar o xa tradicional Festival de Títeres, que ao longo de catro xornadas trae a Brión actuacións de teatro de monicreques destinadas a toda a familia. Trátase dun festival organizado polo Departamento de Cultura e a Biblioteca Municipal que este ano nos vai facer gozar cos monicreques de Kukas, Viravolta, Títeres Seisdedos e Teatro Buratini.

Esta ampla programación conta co patrocinio do programa Letras Vivas, una iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo que a través da Rede de Bibliotecas de Galicia pretende apoiar o esforzo que a prol da lectura e o libro galego realizan, neste caso, as bibliotecas públicas.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela