Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Romaría de Santa Minia 2017
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Romaría de Santa Minia 2017

Infobrion.com

Os sons e recendos da romaría máis popular da bisbarra axiña regresarán a Brión para celebrar, un ano máis, unha das festas populares con máis sona e tradición de toda Galicia. Unha romaxe que combina a fervorosa devoción relixiosa de milleiros de fieis coas conmemoracións máis profanas, onde a música, o baile, as atraccións de feira e a gastronomía serán protagonistas unha vez máis.

:: Unha ampla programación de actividades para catro días de celebración ::

Coma de costume, a Romaría de Santa Minia celebrará o seu día grande o mércores 27 de setembro. Non obstante, e como novidade destacada, este ano o calendario festivo iniciarase o domingo 24 co acendido da iluminación da Carballeira de Santa Minia. Ese día arranca unha programación que ás 13:00 h. comezará coa actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e continuará ás 18:00 h., na Praza do Concello, co Festival de Bandas de Música Populares. Un evento que contará coas actuacións da Banda de Música Ateneo de Negreira, a Banda de Música de Arca de O Pino e a Banda de Música Municipal de Brión. Ás 20:30 h. procederase ao acendido da iluminación da Carballeira que vai coincidir coa actuación da agrupación musical Os do Fuelle de Maceda. De seguido, a partires das 21:30 h., continuará a folía coa música da Charanga BB+.

O luns 25 de setembro, será outra destacada xornada festiva onde brillará con luz propia o artista galego Roi Casal que presentará na Carballeira de Santa Minia o espectáculo musical "Son galego, son cubano". Un concerto homenaxe á figura de Xosé Neira Vilas e á emigración cubana, onde Roi interpretará cancións escritas polo recoñecido escritor inspiradas neste pais caribeño que tantas ligazóns sentimentais garda con Galicia. Este concerto comezará ás 22:30 h., pero antes, ás 17:30 h., o espectáculo familiar de Isla Letriska "Letriska Inmobile" abrirá o programa do día, que continuará cun recital do grupo folk Peta Forte ás 18:30 h.

O martes 26 de setembro, véspera de Santa Minia, a celebración alcanza un dos seus momentos álxidos, cunha xornada chea de actividades que anticipan o día grande da romaría. As 13:00 h. a Charanga Mekánika animará a contorna dunha animada carballeira onde a gastronomía seguirá sendo un dos atractivos destacados. Trala ineludible visita ás "pulperías", a sobremesa estará amenizada, a partires das 17:30 h., cun espectáculo de maxia e clown para toda a familia a cargo de Compañía Mandarina, que presentará "Laboratorio máxico".

Ás 19:00 h. o dúo musical Os Monifates combinará a música tradicional e monicreques nun espectáculo que se celebrará a pé de carballeira. Ás 20:30 h. regresa a Charanga Mekánika que anticipará o gran serán musical que a partires das 22:30 h. protagonizarán as orquestras Charleston Big Band e Aché. Pero o momento álxido da xornada será a medianoite, cando comece o esperado espectáculo de fogos de artificio e queima da fachada.

O mércores 27, día de Santa Minia, a xornada festiva iniciarase ás 10:00 h. coa música da charanga Os Celtas que, ás 12:00 h., darán paso á actuación do grupo Tíralle do Aire de Negreira. Un anticipo da sesión vermú que, a partires das 14:00 h., se iniciará ao compás da orquestra Trebol.
A charanga Os Celtas regresará ás 16:30 h., xusto antes da actuación do Mago Teto que presentará ás 17:30 h. na carballeira o espectáculo "O afiador". Tralo segundo pase da charanga Os Celtas, ás 19:30 h., a Praza do Concello acollerá a actuación da Agrupación Folclórica de Brión. A sesión de noite estará protagonizada polas orquestras Trebol e Cinema, que comezarán o serán musical ás 20:30 h.

:: Horario de Misas ::

NOVENA
Do 17 ao 25 de Setembro, tódolos días ás 19:30 h.
Domingo 17 ás 11:45 h.
Domingo 24 ás 11:45 h.

DIA 26 [VÉSPERA]
Mañá: 9:00 | 12:00 h.
Tarde: 18:00 | 19:00 | 20:00 h.

DIA 27 [SANTA MINIA]
Mañá: 9:00 | 10:00 | 11:00 | 12:00 | 13:00 h. [Solemne]
Tarde: 17:00 | 18:00 | 19:00 | 20:00 h.

OUTRAS DATAS
Domingo 1 de Outubro: 9:00 | 12:30 | 19:00 h.
Domingo 8 de Outubro: 9:00 | 12:30 | 19:00 h.

RESTO DO ANO
Domingos e festivos durante o ano: 12:00 h.

:: Unha romaría que espera unha gran participación::

A romaría más popular da comarca espera por milleiros de visitantes que se achegarán á carballeira que leva o nome da Santa mártir para participar na celebración da Romaría de Santa Minia 2017.
Coma de costume, o concello poñerá a disposición dos visitantes áreas de aparcadoiro gratuítas. Dende o Concello de Brión quérese facer especial fincapé en que o aparcadoiro é totalmente de balde, unha advertencia para que ningún visitante se deixe enganar pola "picaresca" dalgunhas persoas que se aproveitaron dalgúns romeiros para cobrarlles un alugamento por estacionar o seu vehículo.

Os autobuses deberán facer transbordo xunto ao Centro Social Polivalente, xa que a avenida de Santa Minia permanecerá cortada ao tráfico durante o día principal, un corte que xustifican polos máis de 200 postos de venda que ocuparán as dúas marxes da avenida. Os veciños residentes non terán problemas en acceder aos garaxes, pois repartiranse pases especiais para que cheguen sen problema aos seus fogares.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela