Infobrion Correo Electrónico

Remedios naturais para tódolos males

GIS-T Idega

Moito antes de que a ciencia médica fora accesible a todo o mundo e de que as empresas farmaceúticas nos venderan menciñas para case tódolos males, a sabedoría popular xa atopara remedios naturais para solucionar problemas de moi diferentes clases. Estas menciñas populares non son senón o producto do coñecemento da natureza e da experiencia gañada de xeración en xeración.

O sabuguerio para o acné, a ruda para as dores, tanto de persoas como de animais, ou o ourego para o catarro, son só algunhas das receitas medicinais que InfoBrión recolleu entre os veciños e veciñas do Concello, a quen agradecemos a súa colaboración. Organizados por males, poderedes atopar algúns destes remedios caseiros que esperamos que, en caso de necesidade, vos sexan de axuda.

A meteoroloxía galega fai que o catarro sexa unha das afeccións comúns máis habituais durante as estacións de Outono e Inverno. Pouco grave, pero sí moi molesta, este mal pódese frear empregando algún dos seguintes remedios:

- Mollar un algodón en tintura de iodo e facer con el liñas cruzadas en vertical e horizontal no peito.
- Beber infusións de ourego. Se temos prantado ourego na nosa finca, debemos recollelo unha vez maduro e poñelo ó sol para que seque. Unha vez seco debemos metelo nun tarro de cristal para que se conserve o maior tempo posible. Con este ourego facemos unha infusión que é recomendable tomar pola noite.
- Tomar unha cunca de ponche ben quente con leite, ó que se lle pode engadir unha xema de ovo. Tamén ó leite quente se lle poden engadir unhas pingas de augardente, en vez de ponche.
- Beber viño con unto (graxa de porco curada ó aire). Este remedio faise fervendo un pouco de unto co viño, preferiblemente tinto. Unha vez frío, tomar varias veces ó día.
- Respirar vapores de auga con eucalipto. Collíanse as follas de eucalipto e fervíanse ben. Unha vez fervidas levábanse para un cuarto, para logo tomar os seus vapores.
- Aplicar sebo de carneiro. Derretíase o sebo de carneiro nunha tixola, con el humedecíase un pano e poñíase no peito ata que enfriase.
- Preparar un caldo e tomalo coma un xarope. Nun pouco de auga cócese unha cebola, unha folla de loureiro, un pouco de limón e mel. Déixase cocer todos estes ingredientes durante unha hora e tómase pouco a pouco.


Moitas veces o catarro ben acompañado doutros síntomas como dor de gorxa, barriga, oídos ou de ollos. Para estes trastornos os brioneses e brionesas tamén teñen as súas solucións.

Para as molestias da gorxa:

- Aplicar unto. Coller a tona de unto mollado en aceite e colocala na gorxa varias veces no día, tantas como faga falla.

- Beber zume de limón con azucre. Asar os limóns no forno. Unha vez ben asados, retírase e esprémese o zume. Engadir azucre e tomar varias veces ó día.

- Tomar culleradas de mel.

- Facer gárgaras con chantada. Férvese con auga unha herba coñecida como “chantada” e deíxase macerar para, posteriormente, facer gárgaras con ela.
- Tomar os vapores de eucalipto de folla fina.


Para a dor de barriga:

- A malvela. Esta planta medicinal empregada nas aldeas de Bastavales crece na beira do río, e é moi efectiva como infusión para a dor de barriga.


Para a dor dos ollos:

- Infusión de romeo. Férvese ben o romeo en auga e unha vez frío, cólase e emprégase para lava-los ollos. Para unha melor eficacia, débese repetir varias veces durante uns días.
- Infusión de manzanilla. Prepárase como se fose unha infusión, déixase enfriar e lávanse os ollos con ela.
- Fariña de millo. Amásase en auga fría un pouco de fariña de millo e ponse nun trapo limpo, envólvese e ponse directamente nos ollos. Se ben non cura, sí que alivia a dor.


Para a dor dos oídos:

- Solución de aceite e ruda. Ponse un pouco de aceite de oliva nunha sartén cunha poliña de ruda, quéntase pouco a pouco ata que a ruda solte un liquido que poña o aceite de cor amarela, logo empápase en algodón e ponse no oído.


A ruda empregábase para todo tipo de molestias e afeccións. Dende como solución dos problemas gastrointestinais, tomándoa coma unha infusión xunto ó romeo; pasando como remedio para combate-las lombrigas, fervéndoa para despois poñela á beira da cama; ata como cura para calquera tipo de cor, quentándoa nunha tixola con algo de aceite, mestura coa que se debe empapar un pano que se empregaría a fregar a zona dolorida. A ruda tamén era un remedio moi empregado para problemas veterinarios. Era habitual colgar un ramo desta herba na corte durante un par de días cando chegaba un novo animal á casa. Tamén se demostrou como unha solución moi eficaz para frear as hinchazóns provocadas pola mordedura de serpes. Preparada coma un rustrido xunto a un pouco de aceite e allo, e aplicada a temperatura media na zona afectada.

Outra herba, neste caso o sabugueiro é un efectivo antiinflamatorio, particularmente eficaz nos casos de acné, para o que se ferven as súas follas con auga, mestura que despois se aplica na pel e nos propios grans.

A menciña popular tamén contemplaba outro tipo de males coma os provocados por pequenos accidentes, do tipo de cortes e feridas. No primeiro caso, o salvado de trigo era o remedio máis recomendado; facendo unha mestura de fariña de salvado de trigo con auga, para colocala despois sobre o corte varias veces ó día. Esta solución tamén se podía aplicar nos flemóns. No caso das feridas, pasar celidonia pola zona aceleraba a súa cura.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela