Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Un anaco de sabedoría
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada Foros Relacionados
- Non hai

Un anaco de sabedoría: algo máis cun libro

Concello de Brión

Os veciños participantes nos obradoiros da memoria participaron nun libriño que recolle adiviñas, cantigas, refráns, receitas, oracións, remedios caseiros e narracións

“Este libro fixémolo co traballo diario nos obradoiros e con cousas que nos apetece compartir co resto dos compañeiros. Temos moitas cousas que aportar; están na nosa memoria e non queremos que se perdan co paso do tempo”. Deste xeito comeza “Un anaco de sabedoría”, unha publicación editada polo Concello coas achegas realizadas durante o curso 2010-2011 polos veciños e veciñas participantes nos obradoiros para maiores, en especial dos vinte maiores do Obradoiro da Memoria.

“Un anaco de sabedoría” recolle “cantigas que hai anos que sabemos pero que case estaban esquecidas. Oracións que nos ensinaron as nosas nais e avoas. Refráns e ditos populares que todos coñecemos porque xa os dicían os nosos pais e seguen sendo verdade. Tamén sabemos remedios, que xa veñen de antes, que aplicamos moitas veces aproveitando a riqueza da nosa terra”, segundo explican os maiores brioneses. Un libro que se completa con recomendacións de libros de lectura, adiviñas e mesmo poemas e escritos redactados por eles mesmos.

Un clamor: “queremos máis exemplares”

“A idea do libro xurdiu despois de ver o traballo do día a día no obradoiro da memoria, onde fixemos un taller de refráns. Despois pedimos a participación dos demais obradoiros de maiores e tivemos achegas dos de ximnasia e informática, que tamén aportaron cousas”, explica a monitora Elena Remesar. “Foi un premio de fin de curso”, comenta unha das alumnas, Lourdes Campaña, “pero nunca pensamos que ía saír así tan ben feito á primeira”.

“Pero fan falta máis exemplares. Para o próximo ano hai que dicirlle ao alcalde que hai que facer máis”, responden en plan Fuenteovejuna. Incluso son comprensivos con estas datas de crise e fan propostas concretas: “podémolos cobrar a dous ou tres euros, que de seguro que os vendemos ou os compramos nós para repartir entre as nosas familias e amigos”, propón Lourdes Núñez.

E razón non lles falta pois, despois de repartiren os exemplares entre os participantes do curso, e dalgúns que quedaron na biblioteca a disposición de todos os veciños, o certo é que a tirada de “Un anaco de sabedoría” quedou curta. E moito máis logo do “éxito televisivo” dos maiores brioneses, cuxa participación en varios programas de televisión fixo que non foran poucas as peticións de máis exemplares que chegaron ata o Concello brionés.

Chamamento á participación

Material e sabedoría quédalles de sobra para dous, tres e máis libros. Por iso, todos teñen claro que xa está en marcha o segundo tomo coas actividades que se están a realizar neste curso. “Quedan moitas cousas por contar que, ás veces, os mozos non lles dan importancia pero que, ao estar escritas, axúdanos a darlles máis importancia. E somos nós quen lles temos que dar a importancia que teñen”, asegura Carmen Fernández.

Iso si, teñen moi claro iso de que “canto máis sexamos, máis riremos”, polo que animan a todos a participar, “aínda que haia que traelos á forza”, bromea Pilar Turnes, quen recoñece que “estas clases sérvenche de reciclaxe, axúdanche a que non se che esqueza nada e pásalo moi ben”. Por iso, todos eles fan un chamamento aos veciños a que se apunten a este tipo de cursos. “Queremos invitar á xente a que veña a ver se lles gusta e que participen connosco nestas actividades”, asegura Rosa Barbazán, que mesmo escribiu un relato no libro no que unha amiga convence a outra para que participe nestas iniciativas:

“- Carmiña: deixa de darlle voltas ao conto e empeza a vivir a vida, que o día menos pensado aparéceche algo malo e axiña estás no caldeiro. E os que veñen atrás gozan do que ti deixes.
- Andrea: ai mamaíña! Pero agora eu non sei bailar nin escribir e teño moitas faltas, esquecino todo.
- Carmiña: non digas parvadas. Ao que empeces e coñezas aos profesores xa verás como te sentes moi a gusto.”

E para os que non gusten do estilo teatral, sempre podemos rimar, que para iso temos no curso a Isolino Cantelar:

“Temos moitas actividades,
pasámolo de marabilla.
É a mellor cousa para os maiores
que podemos ter hoxe en día”

Máis claro, auga. E permitíndonos un segundo “plaxio” ao estilo dos nosos maiores, cómpre lembrar iso de que “máis sabe o demo por vello que por demo”. “Un anaco de sabedoría” é unha lección máis que nos ofrecen os nosos maiores a todos aqueles que o queiramos ler, aínda que moito mellor nos iría se os quixeramos escoitar.


A voltas co mel da Maía

Ao longo das súas 43 páxinas, “Un anaco de sabedoría” inclúe moitas perlas da sabedoría popular dos nosos maiores. Moi saborosas son as súas receitas. Hai todo tipo de sobremesas, como o biscoito de cenorias de Concha, o biscoito das Carmelitas de Esperanza Souto ou o flan de queixo de Esther Lago. Para os menos lambóns, temos pratos moi elaborados como o "carpaccio" de polbo e orella de Pablo Becerra, acompañado polos licores café ou de toxo que recomenda Loli.

Sen dúbida un dos apartados máis divertidos é o gran repertorio de ditos e refráns. Algúns deles localizados na comarca como “Co mel da Maía, se non cagas de noite cagas de día”, aportado por María Becerra ou “Xente de Noia, campanas de pau. Tocan misa cun corno e van a oila cun cesto”, de Pilar Turnes, pasando por outros máis coñecidos como “Sogra e nora, unha na casa e outra fóra”, lembrado por Rosa Lamas.

Ademais, este libro inclúe unha serie de cantigas e oracións antigas, case que todas relacionadas con Brión como “todas as igrexas teñen / a porta grande o poniente./ Menos a de Bastavales / que a ten cara o naciente”, recollida pora Aurora Lamas; ou “Santa Minia de Brión / deitada na súa cama. / Se Santa Minia non fora / Brión non sería nada”, aportada por Blandina. Máis como non só de poesía vive o ser humano, José Fernández, Ermitas Castro e Loli Varela encárganse de falarnos sobre Bastavales, sobre as Torres de Altamira e sobre a natureza neste municipio. Para poetas xa están José Castro Vello, Rosa Barbazán ou Isolino, coas súas rimas sobre a Romaría de Santa Minia hai 50 anos ou sobre as súas divertidas experiencias nestas clases.

O libro remata cunha serie de remedios caseiros para todos os gustos e necesidades: dende cuestións fisiolóxicas/sanitarias (curar o impo, as infeccións na boca, dor de oídos, baixar o colesterol, insolación, tose...) ata cuestións culinarias (para que non se desfagan as patacas ao cocer, para que a carne se coza máis axiña ou para que o arroz quede solto) e de coidado do fogar (para combater os cheiros, limpar a neveira por dentro ou para o coidado das plantas). Como recolle o libro no seu limiar: “Todo isto e moitas máis cousas están neste libro, no que participamos todos. Está feito con moito cariño e con el lembramos un ano que pasamos xuntos”. E que sexan moitos máis, nos permitimos humildemente engadir.

VER o libro "Un anaco de sabedoría"

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela