Infobrion Correo Electrónico
Otros Trabajos

InfoBrión recopila as múltiples historias de emigración dos veciños do Concello

InfoBrión

Historias tristes e felices, historias de forza e superación, historias en primeira e en terceira persoa... Historias, en definitiva, de homes e mulleres que deixaron todo atrás na procura dun futuro mellor.Historias da emigración.

Ó longo destes tres anos de actividade, InfoBrión recolleu as traxectorias vitais de moitos veciños e veciñas da zona, quen abriron ás súas portas dispostos a compartir connosco algúns anacos das súas biografías. Repasando todas estas historias démonos de conta de que unha palabra, un feito, unha situación, repetíase en case todas elas. Emigración. Un fenómeno que marcou o pasado, o presente e o futuro de moitas xeracións de galegos. Os brioneses non quedaron fóra desta corrente que diseminou a miles de persoas polos máis variados lugares, e InfoBrión tivo a fortuna de ser receptor dos moitos recordos e anécdotas dalgúns deles, emigrantes e familiares de emigrantes. Dende aquí queremos renderlles unha merecida homenaxe a todas e todos eles extraendo fragmentos dalgunhas das súas narracións.

A crónica migratoria do Concello non pode senón comezar coa historia da súa veciña máis querida, Santa Minia, cuxas reliquias sentaron un precedente migratorio en sentido inverso, un itinerario que comezou en Roma, pasou por Cádiz e rematou en Brión. Unha odisea, a desta santa e mártir, ben coñecida dentro e fóra das fronteiras do Concello e que atrae a centos de fieis cada ano.

Outro ilustre brionés tamén pasou a meirande parte da súa vida emigrado. Vicente Ramos, benefactor e fillo predilecto do concello marchou a Argentina con só 13 anos, onde conseguiu facer fortuna a base de traballo duro. Unha fortuna que invertiu en grande medida na mellora dos servizos e infraestructuras do seu pobo natal.

A vida de Francisco Lourido Pérez aseméllase máis á dun nómade que á dun emigrante ó uso. Quizais que o seu pai marchara cara Arxentina cando Francisco só contaba con 3 anos marcou definitivamente o seu destino. En 1962, Francisco, quen tiña 14 anos, foi a San Sebastián a traballar co seu curmán. Alí voltaría tras pasar por Rozón e Arraya de la Oca, dous pequenos pobos da provincia de Burgos, onde estivo construíndo as autovías. Seis anos despois de ter marchado volvería pisar terras galegas ata que a necesidade económica obligouno a tomar rumbo cara Inglaterra xunto á súa muller. Londres tamén foi o destino doutra parella de brioneses, a formada por María del Carmen Patrón Nieto e o seu marido, quen viviron alí durante seis anos. As súas historias na emigración, coma a de moitos outros, están cheas de traballo, pero tamén de bos recordos, bos amigos e bos momentos.

Tamén a experiencia de Marina Freire como emigrante foi moi positiva, tanto, que Arxentina, o seu país de acollida, converteuse no seu lugar de residencia permanente. Alí marchou con 26 anos, seguindo os pasos do seu pai. A súa historia pouco ten que ver coa de Serafín Peréz Mayo quen elexiu os Países Baixos como destino na procura de traballo. De 1966 a 1972 durou a súa estadía, durante a cal traballou nunca fábrica de fundición chamada “La Juliana” mentres vivía, coa mayoría dos seus compañeiros, nun transatlántico.

Pero non tódolos nosos emigrantes tiveron como punto de partida Brión, tamén os hai que elexiron o concello como meta do seu percorrido. Este é o caso de Mario Morales, un tinerfeño de nacemento, pero venezolano de crecimento e corazón. A Caracas emigrou coa súa familia, tendo algo máis de tres anos, e alí residiu durante os seguintes 32. En 1991, cando a situación en Venezuela estábase a complicar, decidiu voltar a España xunto á súa muller e as súas dúas fillas. O seu destino: Guitiande, onde di sentirse moi feliz actualmente.

Venezuela tamén foi lugar de destino para moitos outros veciños da zona. Juan Iglesias seguiu o consello dunha das súas fillas, quen chegara a Caracas un tempo antes. Juan estivo catro anos, dos que conserva bós recordos. Para Domingo, un veciño de San Fins de Brión Venezuela foi o segundo dos puntos no seu itinerario; o primeiro deles foi Arxentina, onde viviu vinte anos traballando en cousas do máis variado. Tras un intervalo de tempo en Brión, volveu emigrar, esta vez a Venezuela, onde residiu algo máis de oito anos. Tamén Ezequiel Uzal elexiu a República Bolivariana como destino na súa migración. Alí viviu durantes os anos cincuenta, exercendo de perruqueiro, oficio que aprendeu durante o servizo militar.

Se ben todas estas historias están narradas en primeira persoa, son moitas as que nos chegaron contadas en terceira persona, a través de fillos, irmáns ou noras. Pero se algo non cambia, son os motivos destas longas viaxes, ademais dos sentimentos cos que está cargada cada verba de aqueis que experimentaron, dun xeito ou outro, a emigración. Os pais de Domingo Guzmán Ruso e María Angueira compartiron destino: Cuba. Ó igual que os irmáns e os sogros de Secundino Barbazán e Felicidad Vázquez Pais. Venezuela, Colombia ou Arxentina acolleron a moitos brioneses durante a primeira década do século XX. Máis a emigración non só levou lonxe das nosas fronteiras ós cabeza de familia, senón que embarcou a moita xente nova que decidiu segui-la estela deixada polos seus predecesores. Este foi o caso do marido de Carmen Suárez Nimo ou dalgúns fillos de Vicente Gómez.

O noso agradecemento e agarimo a todos e cada un deles, por ter aberto para InfoBrión o libro duns recordos que non sempre foron felices.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela