Infobrion Correo Electrónico

Ramón Barbazán conta para InfoBrion as súas vivencias

InfoBrion

A Ramón todas as mañás ó levantarse, gústalle asomarse á eira da súa casa e ver as terras que mercou con moito traballo e esforzo. Os anos non lle impiden dar os longos paseos axudado do seu bastón. A pesar da súa lonxevidade, aínda lle gusta manterse elegante e atento ás visitas. A tranquilidade e o sosego inherentes á súa personalidade, son as características máis destacables do noso convidado de hoxe. Ramón Barbazán Reboredo, naceu o dous de febreiro do ano 1916 en Esparis-Viceso, nunha casa coñecida polos veciños da parroquia pola “Casa do Cuchelo de Esparis”. ¿Ramón, cómo recorda a súa infancia? Fomos nove irmáns e na actualidade só quedamos tres, un deles segue emigrado en Venezuela, outro vive en Urdilde, e mais eu. De neno puiden ir á escola con Dona María, unha muller moi traballadora, pois daquela tiña que pelexar con corenta rapaces da aldea. Ó igual que meus irmáns, sempre que non tiñamos que axudar nas tarefas da labranza, a nosa nai mandábamos á escola a aprender as catro regras fundamentais. Os meus pais traballaron moito, tiveron que criar a nove fillos traballando nas terras como xornaleiros.

¿A que xogaba de neno?

Como eramos moitos, a maior parte do tempo xogábamos á estornela, á panda e mais á pelota, esta faciámola de farrapos vellos que as nosas nais non utilizaban. Eu era un dos irmáns maiores e gustábame levar o mando, e creo que o facía ben. Cando cumprín os oito anos, comecei a traballar de sancristán para o cura da parroquia, pagábame por aquel entón un patacón, e dábame todas as mañás chocolate quente. Estiven nesta situación varios anos ate que decidín casar.

¿Ramón, fálenos da súa xuventude?

De mozos xuntabámonos unha chea de rapaces e rapazas a cantar e bailar no Vilar, e eu tocaba a pandeireta. Tamén recordo cando nos xuntabamos no Quinteiro, o lugar preferido por todos nós, onde contabamos contos case a diario. Lémbrome das festas que se facían polo San Miguel, ou mesmo o Xan Xoán, coa queima das fogatas. Miña nai por estas datas recollía herbas e poñías a remollo toda a noite, para que o día de Xan Xoán nos lavaramos todos a cara con esa auga. Gustábame moito ir as verbenas e sempre que podiamos bailabamos coas mozas. Traballei dende moi novo a xornal ó igual que algúns dos meus irmáns e meu pai. Por aquel entón pagábanos dúas pesetas e o xantar por traballar arreo todo o día. A nosa parroquia era moi forte e había moitas casas ricas como a de Secundino, o Habanero que tiñan moitas terras e moitos xornaleiros traballando para eles.

¿Lembras algún remedio popular de vosa nai para cando vos poñiades enfermos?

Poucas veces enfermabamos, e cando era necesario viña visitarnos o médico da aldea, Don Xosé. Algunha vez a nosa nai dábanos auga fervida de herbas para a tos, ou manzanilla para dor de barriga.


Ramón, fálanos un pouco das mozas da túa xuventude.

Eu coñecín a miña moza no muíño de Esparís, nunha das veces que levaba o millo e mais o centeo a moer. Ela viña dende Tembra coa súa besta andando polos camiños de terra e corredoiras, foi así como comezou a nosa aventura. Chamábase Genoveva e desgraciadamente faleceu hai un par de anos, unha muller fermosísima e moi traballadora, coñecida polas Rocheiras de Tembra. Nós viámonos os xoves e mais os domingos aínda que chovera. Cando rematei o servizo militar decidimos casar. Os nosos pais fixeron un xantar con mais de trinta invitados que nos acompañaron ó longo do día. A miña muller e mais eu dedicámonos sempre ó traballo das terras, e ela a maiores compaxinábao coas tarefas do fogar, como outras mulleres do rural galego. Do noso matrimonio naceron nove fillos, sete homes e dúas mulleres e todos eles naceron na casa. Cando non tiñamos que axudar nas labores do campo iamos á escola a aprender as catro regras fundamentais. Co tempo cada un de nós fomos collendo camiños distintos. De todos os irmáns só emigraron dous, un para Bos Aires e outro para o País Vasco (San Sebastián). Traballaron moi duro para poder saír adiante.


Ramón, ¿Como foi a súa experiencia no servizo militar?

Estiven tres anos que se me fixeron interminables. Estivemos por boa parte da xeografía nacional, onde coñecín a moitos compañeiros de diversos lugares. Moitos deles morreron en combate. Na miña familia fomos tres irmáns á Guerra, e os que libraron emigraron tan pronto como puideron.

¿Lémbrase como eran para vostede os días de feira?

Cando xa viviamos na casa dos meus sogros, ademais de traballar nas terras, dedicábame a mercar vacas nas feiras para logo volvelas a vender. Cheguei a ter corenta vacas á ganancia, e con estes cartos que eu conseguía fun mercando novas terras e aumentando a nosa explotación. Ademais das vacas tiñamos unha parella de bois que alugabamos ós veciños por corenta pesos todo día para traballa-las terras. Cando tiñamos que ir a Negreira para vender o gando, as froitas e mailo millo, cruzabámolo río en Ons nunha barca, xa que a ponte actual non existía. Aínda me lembro do que nos custaba, un patacón por persoa. A venta de millo axudábanos moito nos ingresos familiares, naquela época o millo escaseaba e pagábanolo ben.

¿Que tal se atopa de saúde?

Non recordo o día que fun o medico, nunca me doeu nada, só agora coa idade teño máis dificultade para andar, e necesito o bastón para apoiarme.

¿Cal é o segredo da a súa boa saúde?

Eu sempre dixen que temos que vivir relaxados sen presas, poder comer de todo, e sobre todo andar moito. Isto último foi unha cousa que sempre fixen e que sempre me gustou. O meu último paseo máis longo foi o ano pasado, que fun ate a romaría de San Amaro en Ames. Durante o paseo, paraba a tomar unha copiña de anís na taberna en Pousada, cerca de San Amaro.

¿Ten algunha afección?

Gustábame moito xogar ó dominó e máis as cartas, e agora o que máis me gusta é ver a televisión, sobre todo os programas de media tarde onde a xente busca parellas ou ben discuten entre elas. Tamén leo o xornal algúns días á semana, coa sorte de non ter que empregar gafas.

InfoBrion agradece a amabilidade e o recibimento deste octoxenario de Boullón que nos recibiu na súa casa con agarimo, para contestarnos a todas aquelas cuestións que nos parecían interesantes para esta comunidade virtual.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela