Infobrion Correo Electrónico

De Cantelar a Londres: A vida itinerante de Francisco Lourido Pérez

InfoBrión

Face-la conta de tódolos traballos realizados por Francisco Lourido durante a súa vida é unha tarefa ardua: panadeiro, peón, camareiro ou obreiro foron algúns deles... Como difícil é recordar cada un dos lugares onde este home tivo a súa residencia. Do seu pobo natal, Cantelar a San Sebastián, e de alí a Londres, facendo parada en Burgos, Cáceres e Madrid. A historia de Francisco é a historia de moitos outros galegos que tiveron que emigrar na procura dun futuro mellor. Nómade, trotamundos, viaxeiro... Moitos son os adxectivos que se lle poden aplicar a Francisco Lourido Pérez, un veciño de Cantelar nacido no ano 1948 e que pasou media vida traballando en diferentes puntos da xeografía española e europea. Esta tendencia migratoria pode ter que ver coa xenética dándolle-la razón ó refrán que di "de casta lle ven ó galgo", xa que o seu pai tamén emigrou a Bós Aires cando Francisco contaba só con 3 anos. A Casa dos Farrucos, así era denominada a vivenda familiar por mor do seu avó Farruco, era onde vivía Francisco coa súa nai e os seus dous irmáns. Os recordos máis vívidos da súa infancia, xunto cos das tarefas do campo, son os que se refiren ós máis de dous kilómetros que o separaban, a través de carreiros de monte, da Escola mixta de Tembra. Un camiño que debía percorrer tódolos días, cun saco a modo de pucho cando a meteoroloxía non acompañaba. De tódolos xeitos esta rutina non durou moito xa que, ó morre-lo seu pai, Francisco tivo que poñerse a traballar para axudar na casa. Contaba só con 12 anos cando comezou a súa longa traxectoria laboral. Ó inicio compaxinaba dous traballos, polas mañás exercía de panadeiro en Urdilde e pola tarde axudaba a repartir material de construcción polas obras das aldeas. Daquela etapa recorda, sobre todo, o duro que era amasa-la pasta do pan a man, sen a axuda das máquinas actuais.


Ós 14 anos o se curmán convenceuno para marchar con el a traballar a San Sebastián. Francisco conta, cun sorriso nos beizos, como ó ter aínda corpo de neno lle foi difícil atopar traballo. O seu primeiro contrato foi como pinche na construcción dunha ponte. Pero pouco lle durou xa que, gracias á súa grande capacidade de traballo, déronlle en seguida un posto coma obreiro. Seis mil pesetas, ese era o soldo mensual de Francisco, cartos que repartía entre a súa nai e unha conta corrente que o seu xefe lle obrigou para evitar que os malgastara.

Tras remata-la obra o destino levouno a Rozón e Arraya de la Oca, dous pequenos pobos da provincia de Burgos, onde estivo construíndo as autovías. Outra vez marchou cara San Sebastián para seguir traballando na construcción, ata que un coñecido lle ofreceu voltar ó oficio de panadeiro. Tras 18 meses levantándose ás 3 da mañá para face-lo pan decidiu voltar a casa. Corría o ano 1968 e Galicia estaba enfrascada nun proceso de concentración parcelaria, onde Francisco atopou traballo acarreando material para as obras e colaborando na construcción de pistas e estradas.

Xa en Galicia o destino volveúselle cruzar cando camiñando pola rúa atopou a unha rapaza que acarreaba unha máquina de coser, coa que iniciou unha conversa. Esa rapaza se chama María del Carmen e actualmente é a súa esposa. Con ela casou despois dunha breve relación, e ó mes da cerimonia tivo que marchar a Cáceres a cumpri-lo servizo militar. Alí quedou tres meses ata que o destinaron a Madrid onde quedou ata a súa licenciatura.

Á volta da mili, a necesidade de construir unha casa e a falla de diñeiro fixo que Francisco e maila súa muller decidiran marchar a Londres, seguindo os pasos do seu irmán. Unha vez alí, ambos entraron nun hotel como camareiros en horario de mañá, e pouco despois foron contratados no servizo de limpeza dun hospital en horario de tarde. Tan grande era o seu desexo de face-la casa que chegaron a traballar 99 horas semanais cada un para aforra-lo máximo posible. Aínda así Francisco recorda con moito cariño a experiencia vivida. Quizais o máis complicado para eles foi a comunicación xa que á súa chegada ningún falaba inglés, pero gracias á linguaxe dos xestos e á axuda do irmán de Francisco conseguiron facerse entender ata que aprenderon a lingua.

Son moitas as lembranzas e anécdotas que Francisco atesoura do seu período en Inglaterra pero quizais a máis emotiva de todas é a que se refire a un sentimento tan galego como é a morriña. Francisco relata como o pouco tempo libre que tiña coa súa muller o aproveitaban para ir ó aeroporto de Heathrow e mirar pasar os avións e imaxinarse cales voaban cara a Península. Alí Francisco tamén tivo a oportunidade de practica-lo fútbol, unha das súas maiores afeccións e a súa vocación frustrada. Cando o seu xefe soubo que Francisco xogara no Brión e no Bastavales fichouno para o equipo amateur do hotel, co que chegaron a gañar algunha copa nunha liguiña de afeccionados.

Despois de case seis anos en Londres Francisco e María del Carmen decidiron que xa era tempo de voltar e construi-la súa casa. Unha vez aquí Francisco comezou a traballar nunha fábrica de cerámicas de Sisalde. Nela botou nove anos, durante os que traballaba de noite cocendo tella e ladrillo no forno. Unha vez que se pechou a fábrica, Francisco pasou dos anos no paro ata que foi contratado para recolle-lo leite polas parroquias para unha leitería de Bastavales. Unha vez rematado o contrato e tras pasar outro tempo parado entrou nunha cuadrilla da construcción. Con esta empresa colaborou en obras en Santiago, Cesures e A Escravitude, ata que un problema nas cervicais obrigouno a xubilarse anticipadamente.

Francisco bota de menos traballar, pero ísto non lle impide manterse activo. Desfruta do seu tempo coa súa familia e os amigos, sen olvidarse de tódala xente que foi atopándose no longo camiño da emigración.

InfoBrión agradécelle a Francisco o seu tempo e hospitalidade.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela