Infobrion Correo Electrónico

InfoBrión achégase Ó Tremo para entrevistar a Olga Ramos Gende

InfoBrión

InfoBrión visitou a Olga Ramos na súa casa do Tremo e con ela retornou ós tempos nos que o Antigo Balneario era o punto de encontro de xente de tódolos lugares, nos que nas festas se bailaba na estrada e nos que os veciños eran como da familia... Pasado e presente se misturaron durante a charla, xa que narra-la vida de Olga é narra-la historia dos últimos setenta anos do Tremo. Nacida en Vigo no 1933 por avatares do destino, alí residiu coa súa madriña durante os seus primeiros sete anos de vida, intercalando idas e voltas ó Tremo. Xa no ano 1940 retornou definitivamente á casa familiar do Tremo, lugar que non volveu abandoar. Nesta casa convivíu durante a súa infancia coa súa nai e os seus tres irmáns, cos que se levaba unha grande diferencia de idade. Se ben o colexio gustáballe máis ben pouco, Olga tivo que transixir e acudir á Escola do Tremo xunto a tódalas nenas da zona, un centro xa desaparecido que naquel tempo estaba ubicado a carón da actual gasoliñeira. No tempo libre, Olga reuníase coas súas amigas na plazuela do Tremo e entretíanse con xogos clásicos como a comba ou a estornela.

A súa nai era de Ortoño, no Concello de Ames, e o seu pai de Brión. Este mesmo, chamado Vicente Ramos foi un dos veciños máis apreciados do Concello, xa que, a pesar de ter vivido dende os 13 anos en Arxentina nunca olvidou as súas raíces, convertíndose nun dos grandes impulsores de Brión. Vicente Ramos morreu cando Olga só contaba 5 anos, pero ela aínda ten moi fresca na memoria a figura do seu pai. Dende os seus inicios coma vendedor de periódicos ata ser fundador de varias empresas en Arxentina. Segundo as verbas de Olga o seu pai "daba a vida por Brión". Tanto quería a este Concello que foi el quen pagou o levantamento do antigo alumeado do Tremo, a construcción de fontes e incluso a plantación de árbores. Unha placa situada na que fora a súa casa en Brión honra a figura deste home que tanto quixo ó seu pobo.

A pesar desta importante ausencia e de que lle tocou vivir anos de moita necesidade, Olga afirma que desfrutou dunha infancia moi fermosa. O seu papel de benxamina convertíuna no branco dos mimos de tódala súa familia e os seus veciños.

Naquel tempo O Tremo era o corazón do Concello, o lugar onde se ubicaban o Consistorio, o cuartel da Garda Civil e, por suposto, o Balneario. Durante os meses de Xullo a Outubro, as termas convertíanse en centro, non só de saúde, senón tamén de reunión social. A xente viña de moi lonxe para "toma-las augas" e se aloxaban nas casas da zona. A familia de Olga, como a maioría dos veciños do Tremo, deu pousada a moitos de aqueles peregrinos que buscaban repouso e cura.

Tamén bailar foi, e segue sendo, un dos seus pasatempos preferidos. Un dos recordos de infancia que garda con máis agarimo eran os momentos nos que na propia plazuela do pobo as señoras maiores se poñían a toca-la pandeireta para que as nenas bailaran ó son. O sorriso tamén se lle asoma ós beizos cando fala sobre as foliadas e festas do Tremo, das que tanto Olga como as súas amigas foron principais organizadoras e valedoras. Moito millo e poucos cartos, ísto era o que recollían as mozas cando ían pedindo casa por casa para poder celebra-las festas. Eran días divertidos, nos que pasaban tódala xornada fóra de casa, camiñando cun cesto na cabeza, petando ás portas, e desgranando o millo reunido para despois vendelo e pagar así a celebración.

Olga sempre viviu feliz en Brión e nunca se plantexou abandonalo, tanto é así que cando casou e tivo a oportunidade de marchar a Arxentina convenceu ó seu marido para quedar no Tremo e montar un bar-ultramarinos. Jose, o seu home, era fillo de galegos na emigración, e aínda que pasou tódala súa infancia e xuventude entre Arxentina e Galicia, decidiu quedar aquí por amor a Olga. Xuntos levaron durante 17 anos "A Casa de Salaño", un dos moitos bares-ultramarinos establecidos na zona durante aquel tempo. Cando o seu único fillo decidiu estudiar Dereito e non continuar co negocio familiar, Olga e o seu marido decidiron deixa-lo bar para, posteriormente, pecha-lo ultramarinos de forma definitiva. Tra-la clausura da tenda, decidiron adicarse a coidar o un do outro, e ambos do seu xardín. O propio Jose, marido de Olga, plantou as palmeiras que actualmente presiden o paseo da súa finca co fin de que algún día as súas netas poideran dicir: "Estas palmeiras púxoas meu avó". E ísto foi coma un testamento, xa que ó pouco tempo Jose morreu.

Olga admite sentirse un pouco sola, pero esta nostalxia non lle impediu seguir vivindo a súa vida, facendo viaxes e desfrutando das súas tres paixóns: as súas netas, as súas flores e a música clásica. Di coñecer España "de punta a punta" gracias ás excursións que realizou coas súas amigas a través do IMSERSO, algo que decidiu deixar porque cre que lle chegou o tempo de descansar.

O seu día a día o enche coa familia e coas amigas, co seu xardín e coa música. De vez en cando vai xoga-la partida ó Clube de Xubilados e a menudo se reúne coas súas compañeiras para merendar en casa dalgunha delas. Continúa pensando que Brión é un lugar precioso para vivir, e aínda que bota de menos a estreita relación que mantiña cos veciños de sempre, valora que o Concello crezca, aínda que teme que todo cambie demasiado, sobre todo urbanísticamente, e que Brión perda a súa esencia.

InfoBrión quere agradecerlle a Olga a súa amabilidade e o tempo prestado para realizar esta entrevista.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela