Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
<Ant | 2  3  4  5  6  | Seg>
Separador
A ponte de Vidaloíso
Rústica ponte sobre o río Sar, e ó seu pé unha... [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Coñece a orixe das pontes de Brión

GIS-T IDEGA. USC

Numerosos ríos e regatos cruzan o Concello de Brión, sendo o río Sar e o Tambre os de maior caudal. Para atravesalos, ideáronse diferentes solucións arquitectónicas de maior ou menor complexidade. No caso do río Tambre, ata a construcción da nova Ponte de Ons nos anos trinta do século XX, o paso do río facíase en dorna. Embarcación tradicional que transportaba persoas e animais dun lado ó outro do río. Sucedendo numerosas anécdotas neste perigoso paso fluvial, no cal as fortes correntes e o aumento do caudal xogaba moi malas pasadas ós habitantes de Brión.

Galicia, a dos mil ríos, ofrece tamén mil solucións técnicas para salvalos. A difícil orografía que ofrece a nosa comunidade, lévanos a buscar constantemente enxeños que faciliten a comunicación. As vías de comunicación en Galicia responden ó dito anteriormente, sendo a consecuencia máis inmediata a variedade e cantidade de camiños, sendeiros, congostras, calzadas, corredoiras e pistas que percorren calquera recuncho do noso concello e as nosas aldeas.

Os ríos de Brión

O noso concello encóntrase entre dous ríos: polo norte e oeste, o Tambre demarcando as parroquias de Ons, Viceso, Luaña e Cornanda ata perderse máis alá de Vilariño dos Cunqueiros, preto xa da súa desembocadura, na ría de Noia. Polo leste, o Sar que entra polos Anxeles, pasa por San Salvador e rega as terras de Bastavales para perderse camiño do río Ulla, onde desemboca.

Estes dous ríos reciben á súa vez as augas doutros máis pequenos: así o Tambre recibe as do río Chavielos, Vioxo, o de Ombre, etc.; o de Sar recíbeas do río Pego, Sanín, Cirro, Crego e Tinto.

Tendo en conta a ampla rede fluvial, encontrámonos con camiños que teñen que salvar dalgún modo estas correntes e auga, e isto vai ser a través das pontes que podemos atopar en elevado número e variedade, buscando outras solucións cando a obra constructiva é moi complicada. Isto ocorría no paso do Tambre onde a barca era o medio de transporte habitual ata construí-la Ponte de Ons. Pois, ata que a mediados dos anos trinta, construiron a actual ponte, o paso do río facíase en dorna.

Unha ponte = Unha solución

A construcción máis sinxela é a que se corresponde cos vaos, zonas onde o río leva pouca auga e que se poden atravesar a pé; nestes casos sóese enlousa-lo fondo con grandes pedras para que non se espeten os carros.

Seguindo cos regueiros pequenos, encontrámonos, coa solución dos pasadoiros, pasadeiros, pasais, pasos, que non son máis ca unhas pedras máis ou menos traballadas que sobresaen por riba da auga e que permiten salva-la corrente do regueiro camiñando sobre elas.

Ligado a estes pasadoiros temos as poldras que son grandes pedras illadas situadas a un paso de distancia, espetadas no fondo do regato, e que deixan pasa-la auga entre elas. O uso destas poldras é unicamente para persoas.

As correntes vanse ver necesitadas duns pasos de maiores dimensións para que os carros non teñan dificultades ó atravesalas, sendo a obra moi variada, indo dos sinxelos toros de madeira que se asentan nas marxes do río e sobre os que se bota un entarimado de madeira, ata a construcción complexa dunha ponte de pedra con varios arcos, como podemos observar preto de Brión na Ponte Maceira.

Entre estes dous modelos estaría a pontella para atravesar unha pequena corrente de auga, o pontillón xa relacionado co paso dos carros, polo que a súa construcción é máis sólida, a base de grandes lousas de pedra, asentadas sobre uns muretes que se levantan nas marxes de regato; e as pontes máis ou menos sinxelas, dependendo do río que se teña que salvar.

Tendo en conta que Xaquín Lorenzo, que só utiliza a verba ponte para aquelas construccións destinadas a pasar ríos por medio dos arcos, no noso concello non encontramos exemplos meritorios desa definición, o que encontramos son grandes pontillóns: grandes pezas horizontais que se apoian sobre cepas de pedra. Exemplos de grande beleza técnica e estética atopariámolos no xa mencionado de Ponte Maceira (no veciño concello de Ames) ou no derruído de Brandomil.

No noso concello destacariamos a pequena ponte romana, ou seu defecto medieval, en Xinzo, sobre o río Tinto. Coñecida como pontella do río tinto ou pontella de paradela, que supón un claro testigo dun antigo camiño romano que utilizaban os habitantes do Castro Lupario. Outras pontes desta época pero que hoxe non se conservan serían a ponte romana de Ombre (parroquia de Viceso) que se destruíu hai uns 50 anos e do que queda un testemuña gráfico na obra de López Ferreiro "Historia de S.A.M. Igrexa de Santiago de Compostela".

O outro vestixio sería a Ponte de Ons ou Ponte Pías, do que quedan as cepas de pedra pois o resto era de madeira, e sobre as que no século XII se reconstruiría un paso feito con madeira, pero do que non queda ningún vestixio. Recordo desa ponte é o escudo da Vila nicrariense que recolle o feito de derrubamento da mencionada ponte tra-lo paso dos restos do apóstolo Santiago.

Os materiais utilizados na construcción das pontes

Os materiais usados son a pedra e a madeira, aparecendo combinados poucas veces. As de pedra pousan nunhas bases con espacio entre elas para que pase a auga. Esta bases son de cantería ou propiaño, dunha solidez notable para resistilo arrastre da auga. Os laterais que están contra corrente soen ser semicirculares ou cuns tallamares en forma de triángulo, para ofrecer menos resistencia ó curso do río.

Por riba desas bases colócanse grandes laxes de pedra, os pontillóns, para que poidan pasa-los carros. A zonas laterais protéxense cun pentoriles que soen ser de pedra ou de madeira. A madeira úsase moito para as construccións de pontes que serven de paso sobre todo para persoas e animais. As trabes do piso chegan dun extremo ó outro e non precisan bases; sobre elas colócanse as travesas, cubríndose, ás veces, todo o piso con terra. Soen ter unha varanda de protección, feita co mesmo material.

O arco é pouco usado na arquitectura popular galega, debido á súa complexidade técnica. Se aparecen é en pequenas obras, non pasando dun ou dous ollos, e sen acabar unha grande altura. Existe un arco popular, o "falso arco" que é unha mestura de pontillón e arco, onde se aproximan as fiadas da base pero logo cóbrese cunha laxe grande. Moitos dos casos da ponte con arco pertencen á época medieval e posteriores. A xente úsaos e fai os arranxos pertinentes en caso de deterioro, pero non son obras de construcción popular.

A construcción de pontes era un traballo comunitario, como os dos camiños cando eran de interese común, se ben hoxe en día son escasas, por non dicir nulas a realización de obras deste tipo no agro galego.

Fonte: Revista Altamira. O Xornal Verde. Número 13. Marzo 1993.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela