Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
<Ant | 2  3  4  5  6  7  | Seg>
Separador
Torres de Altamira
As actuais “Torres de Altamira” ocupan o lugar... [+]
Sons
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

As Torres de Altamira

GIS-T IDEGA. Universidade de Santiago

As actuais “Torres de Altamira” ocupan o lugar estratéxico dun antigo castro celta e posterior fortaleza a partires do século IX. Ubicada nun outeiro dende onde podemos gozar dunha magnifica vista panorámica do Val da Mahía e pasear sobre unhas lexendarias pedras con séculos de historia.

Tratábase en todo caso dunha antiga acrópole castrexa que foi reformada e modificada en torno ó século IX. Data na que algúns historiadores fixan a construcción da Fortaleza de Altamira. Segundo parece, esta edificación de carácter defensivo mantívose ata o ano 1073. Ano no que foi arrasada por Gonzalo de Moscoso, fillo dun tal Beremundo, o que demostra que a finais do XI había no mesmo sitio un castelo, do que non sabemos nin cales eran as dimensións, nin tampouco as dependencias coas que contaba.

En anos sucesivos, a súa reconstrucción estivo dificultada pola prohibición ordenada polo rei Fernando II (1180) de construír novas fortalezas na “Terra de Santiago” sen autorización expresa do arcebispo.

A mediados do século XV, a fortaleza estaba nas mans da familia dos Moscoso, sendo destruída polos irmandiños entre os anos 1466 e 1470, no marco das Revoltas Irmandiñas (1431-1469). Motivadas polas terribles fames e pestes do século XIV e a conflictividade social entre as clases altas e o campesiñado nos primeiros anos do século XV.

No ano 1471 a fortaleza foi asediada polas tropas do arcebispo, baixo o mando do seu irmán Luís de Acevedo, pero non foron capaces de conquistala a pesares do reducido número de inquilinos que alí habitaban. A principal arma de defensa destes habitantes foron as pedras, que amontoaban ós seus pes e que lanzaban contra os invasores dende o alto das torres.

Neses tempos, o dono seguía sendo o considerado I conde de Altamira: Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso (ou de Moscoso e Ulloa), que esperou a que se retirasen os sitiadores irmandiños para proceder á reconstrucción e mellora da fortaleza. Na cal pasou a residir en torno a 1480, para logo doala ó seu criado Xoán Pardo (O Mozo). A esta época posiblemente pertenzan os restos góticos que aínda quedan no edificio interior ou antigo pazo.

As obras de mellora continuaron, sobre todo durante o goberno do II conde de Altamira: Rodrigo Osorio de Moscoso, chegando entón a contar con seis torres, ademais dun cómodo pazo. Anos despois, en 1594, o V conde de Altamira: Lope de Moscoso Osorio, ordenou construír no recinto unha capela baixo a advocación dos Reis Magos.

Posteriormente, volveron a facerse varias obras, xa que, segundo parece, a fortaleza estaba en mal estado, asinando un contrato de obra co mestre canteiro Bieito Vidal, o 29 de marzo de 1629. Mais a pesares disto, todo indica que no século XVIII sufriu un incendio, que afectou sobre todo ó pazo. Favorecendo ó seu abandono, sobre todo debido a que os seus donos xa non vivían alí habitualmente.

Como tódalas fortalezas, co paso dos anos foi perdendo importancia, residindo os donos en Santiago de Compostela ou, cando o facían en Brión, no pazo de Guldrís ou no de Trasouteiro, situados a menos de dous quilómetros das Torres de Altamira. Dende que pasaron a fixa-la súa residencia en Madrid, non se lembraron das súas posesións máis que para cobra-las rendas, quedando todo en mans de administradores. Permanecendo así ata o ano 1872 en que o conde, a causa dos seus problemas económicos, decidiu desprenderse de tódalas propiedades situadas en Galicia, entre as que estaban varios castelos (Altamira, Mens, Vimianzo, Cira, Póboa do Burón, Castroverde, Pobra de Navia,…).

As Torres de Altamira, como se coñecen dende entón, foron mercadas por un rico campesiño que estivera en América, que empregou parte da pedra para edifica-la súa casa e diferentes obras particulares e relixiosas. Posteriormente, pasaron a mans do arcebispado, que seguiu sacando materiais para as obras da igrexa parroquial de Brión e para construí-la capela de Santa Minia. Desfacéndose tamén a torre da homenaxe e, por último, a capela dos Reis Magos, da man doutro rico emigrante.

En 1917 aínda se seguía sacando pedra da fortaleza, ata que en 1973 as ruínas foron adquiridas pola Deputación Provincial da Coruña, que emprendeu de seguida obras de limpeza e consolidación do pouco que queda da que foi, segundo opinión de Ángel del Castillo, unha das mellores fortalezas de Galicia dos últimos anos do século XV.

Actualmente está catalogada como BIC (Ben de Interese Cultural). Figura de protección que asegura a súa conservación e que prohibe a súa destrucción. Pois así está establecido na disposición adicional segunda da Lei 16/1985 de 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español, na disposición adicional primeira da Lei 8/1995 de 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia e no Decreto de 22 de abril de 1949 sobre protección dos castelos españois.

A maiores da súa importancia histórica e arquitectónica, as Torres de Altamira supoñen un dos principais miradores paisaxísticos do Val da Mahía. De aí, o interese de moitos visitantes e veciños que por subirse á única torre que queda en pe para disfrutar desta fabulosa vista panorámica.

A modo de anécdota, destaca-la existencia de numerosas lendas que teñen por escenario o castelo de Altamira. Fundadas na posible existencia de pasadizos secretos para fuxir no caso de asedio ou en grandes tesouros que posiblemente sigan enterrados no recinto.


Fonte: GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (1998). “Brión: Historia, economía, cultura e arte”. Ed. Toxosoutos.


Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela