Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
<Ant | 2  3  4  | Seg>
Separador
O Pazo de Armesto
Vista xeral do pazo [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados

O Pazo de Armesto

InfoBrion

Derivada da palabra palatium, podemos considerar ó pazo como o máis claro e prototipo da arquitectura civil galega do período barroco.

Ven sendo a vivenda de familias campesiñas acomodadas que se integran na comunidade rural, aínda que sexa de feito señorial mesturando dous modelos de vida social, alternándose neste conxunto pacego os xardíns e parques coas hortas e agros e os salóns coas cociñas nas que se desenvolve a vida da casa.

En xeral, a construcción presenta moitas variantes, aínda que sen caer no nivel do que entendemos por palacio clásico. No obstante encontrámonos con edificios realmente señoriais e suntuosos, que contrastan con outros dun carácter mais ben rústico e campesiño. De todos modos van acompañados, na maioría dos casos, dos escudos heráldicos da familia e das proporcións e trazos suntuarios que a diferencian das outras casas da zona.

A falla de límites claros do que se pode considerar pazo e o que non, leva a moitos estudiosos a usar este vocablo nun amplo sentido, considerando pazos as luxosas mansións rurais, os palacetes urbanos e incluso as casas blasonadas que podemos encontrar nalgunhas aldeas do noso concello.

Se facemos unha viaxe no tempo, as orixes das construccións pacegas hai que situalas, dalgún xeito, nos castelos e fortalezas medievais, sendo a construcción actual unha transformación civil da antiga arquitectura militar, como consecuencia da evolución dun sistema de vida feudal a unha sociedade moderna na que se abandonan as fortalezas e as torres, pero sen esquecer de todo o pasado. Así vemos como os pazos nacen, ás veces, a carón das vellas torres do castelo, ou aínda sendo edificio de nova construcción conserva caracteres castrenses como son remates almenados, torres... Todo isto mestúrase con outros elementos recollidos das vilas romanas, da arquitectura monástica e militar da época, dos palacios renacentistas, das mansións campestres portugueses...

Este sería o caso da familia de Don Ruy Sánchez de Moscoso, Señor de Altamira, que abandona o castelo e trasládase ó pazo Señorial Guldrís, co fin de vivir máis de acordo coa vida campesiña que coa militar (fixo testamento no seu pazo o 31 de xullo do 1450).

No que se refire ós autores destas edificacións, sinalar que son totalmente anónimos, sendo, posiblemente mestres de obras que farían o traballo en base ós seus propios deseños, debuxos e bocexos ou contarían con modelos traídos da corte madrileña ou da próxima cidade compostelá. Os que levaron o peso da obra foron modelos mestres canteiros da propia zona, o que explica a pouca variedade de esquemas de construcción e o feito de atopar elementos decorativos suntuosos (grandes escalinatas exteriores, chemineas de gran tamaño, escudos...) xunto coas técnicas constructivas populares.

A unidade pacega compoñíase ademais da vivenda señorial, de outros elementos como eran a capela, o patio, as dependencias secundarias (hórreo, pombal...), a muralla, o portalón... sendo a súa emprazamento en lugares lonxe dos camiños máis transitados, nas concas dalgún río, ou ladeira suave dun monte, destacado de xeito que o señor contemple as súas posesións e a casona sexa visible dende calquera punto.

Elementos arquitectónicos destacables do pazo

1. Materiais
O máis usado é o granito, (cadeirado, ou mampostería, segundo o modo constructivo da zona). Nos exemplos pacegos do noso concello encontrámonos cunha boa cadeirado que está á vista, conferindo ó edificio un aspecto elegante e monumental. Sorprenden o grosor que alcanzan os muros, quedando en perfecta evidencia a habilidade manual dos canteiros.

2. Fachadas
Destaca pola laboriosidade e coidada execución a fachada principal, que soe acaparalos escasos elementos decorativos exteriores como son os blasóns familiares, a grande escalinata de pedra, balconadas, motivos decorativos diversos como placas recortadas, molduras, relevos...

3. Escalinatas
É un compoñente habitual da fachada principal do pazo. O seu deseño depende do espacio dispoñible, da forma do terreo no que se asenta ou da categoría arquitectónica da casa. Arranca do patio, acostumado a desembocar nunha pequena galería aberta ou terraza chamada patín, cuberto por unha prolongación do tellado e fechado por un petril de cantería macizo ou por balaústres de pedra ou ferro.

4. Ocos
As ventás e as portas responden a un modelo único, en canto o trazo e ás dimensións. Poden estar enmarcadas por molduras planas ou curvas, sendo o modelo máis repetido o que ensancha nas esquinas a modo de orelleiras.

Cabe destaca-las solainas, a modo de balcón de dimensións variables, e orientado en moitos casos ó mediodía co fin de tomalo sol. O sistema de peche é a base de balaústres de pedra ou ferro.

Hai que mencionar tamén os parladoiros, que son uns saíntes de pedra a modo de asento, e que se sitúan na parte interna das ventás, aproveitando o groso dos muros.

5. Chemineas e torres
Rompen coa horizontalidade do edificio, sendo un elemento decorativo externo destacable. Remátanse con pináculos, almeas... como se fosen pequenas torres.

En canto ás torres é un compoñente arquitectónico ligado á arquitectura militar, respondendo no caso de edificios novos dos séculos XVII e XVIII a meros elementos ornamentais -Pazo do Casal- que proporcionan ó edificio unha idea de casa forte.

Elementos decorativos

En liñas xerais, os pazos caracterízanse máis pola sobriedade e falta de decoración dos seus muros que pola exuberancia de elementos ornamentais. De todos modos os escudos constitúen un elemento indispensable tanto por razóns estéticas como sociais, dándolle á casa fidalgo un selo de distinción.
O emprazamento destes elementos é sobre todo na fachada principal, aínda que tamén se poden encontrar no portalón de entrada, na capela, ou nas outras caras do edificio. Poden aparecer acompañados de helmos ou coroas que expresan o rango xerárquico dos moradores do Pazo.

Compoñentes exteriores

Pombal, capela e ciprés, pazo é

A capela é un elemento case obrigatorio nas auténticas mansións señoriais, aparecendo pegado (Pazo de Casal) ou independente do edificio principal (Pazo de Armesto en Salaño). O seu deseño máis habitual é de planta rectangular con tellado o dúas augas e nave única, tendo unha escasa riqueza decorativa.

O valo e o portalón delimitan o recinto do pazo. Xunto coa capela e a fachada principal da casa son os elementos de máis coidado execución e de maior riqueza ornamental.

Estes grandes portóns presentan, por veces, un remate recto ou curvo onde se xuntan o escudo heráldico ou outra serie de elementos como remates almeadas, cruces, pináculos, estatuas...

No noso concello podemos admirar estas construccións en lugares moi contados, sinalando os pazos de Armental, de Armesto (en Salaño), o de Trasoteiro cunha fonte renacentista moi ben traballada, o de O Casal (actualmente en reconstrucción). Tamén cabe sinala-la existencia de algunhas casas blasonadas como as situadas en Ons de Abaixo e a Igrexa - Ons.

Fonte: Revista Altamira, Concello de Brión.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela