Infobrion Correo Electrónico

A pegada dos indianos en Brión

GIS-T Idega

"Face-las Américas", así era coñecido popularmente o movemento migratorio transoceánico que dende finais do século XIX conduciu a miles de persoas cara un futuro aparentemente máis próspero. Países como Cuba, Arxentina ou Venezuela, foron os principais receptores de emigrantes de toda Galicia. Unha tendencia que tamén se deu en Brión, lugar que non escapou a aqueles "anos da fame". A fortuna para os veciños e veciñas foi dispar, mentres uns voltaron como foran, outros conseguiron "facer fortuna", se ben todos tiveron algo en común: o traballo duro.

Pero a marcha física non implicou necesariamente unha marcha emocional. Moitos foron os que, a pesar da distancia, colaboraron na evolución socioeconómica do país a través do envío de cartos, coa creación de asociacións, ou a formación de comisións para o levantamento de escolas e sindicatos. Estas iniciativas, estas "pegadas", aínda se manteñen vivas en Brión grazas a edificios, tanto públicos como privados, que marcaron e aínda marcan o carácter particular do Concello.

Persoas como Vicente Ramos ou Gerardo Senra, e sociedades formadas en diferentes países latinoamericanos por estes emigrantes, cambiaron, para mellorar, a "cara" de Brión, e son aínda moitas as edificacións e placas que recordan a súa labor a prol do progreso social, cultural e económico. InfoBrión fixo un percorrido polo Concello co fin de recopilar imaxes e información sobre "a arquitectura indiana".

Unha das entidades promotoras máis activas durante os primeiros anos do século XX foi a "Sociedad Riberas del Tambre y Valle de la Mahía" que dende a súa sede da Habana (Cuba) colaborou na edificación de escolas e locais sociais. Por medio de comisións na zona, os emigrantes administraban os cartos segundo as necesidades da zona. Exemplos da súa actividade en Brión son:

- Local do Sindicato Agrario, 1921. Soutollos (Bastavales). Este edificio, construído co apoio do Sindicato Republicano, tiña como fin principal "a creación dunha biblioteca popular de suscripción de seguros de gando e de merca de sementes, fertilizantes, plantas, maquinaria e outros útiles necesarios para mellorar e aumentar, tanto a producción agrícola como forestal". Actualmente é un local municipal, sen un uso particular.

- Escola de Ensino Primario, 1908. Sabaxáns (Bastavales). Xunto co edificio de Soutullos foi unha das dúas sedes do Sindicato Agrario no municipio, aínda que tamén funcionaba en horario de mañá como Escola Unitaria. Labor que aínda continúa a cumplir, como centro infantil, ademais de local parroquial.

- Escola de Ensino Primario, 1921. Pedrouzos de Abaixo (Brión). Este foi outro dos centros educativos creados pola "Sociedad Riberas del Tambre y Valle de la Mahía" e que serviu de centro educativo para moitos brioneses e brionesas. Actualmente este espazo está habilitado para servir de sede da Garda Civil e como dependencias municipais.

Unidos en colectivos ou de xeito individual, a axuda enviada por estes "indianos" repercutiu en grande medida no avance do Concello durante os anos previos á Guerra Civil española. Pero se houbo dous nomes que destacaran sobre os demais na súa labor filantrópica estes foron os de Gerardo Senra e Vicente Ramos. Centrando principalmente as súas accións en Bastavales o primeiro; e en Pedrouzos e O Tremo o segundo, ambos participaron activamente na recuperación arquitectónica e infraestructural de Brión coas súas aportacións.

Unha fonte e unha placa recordan a xenerosidade de Gerardo Senra con Bastavales. Unha das campanas da igrexa e o seu reloxo, os bancos do interior, unha Virxe do Carme ou a ampliación do atrio, foron algunhas das accións promovidas por este emigrante, quen tamén construíu os primeiros muros de contención da zona, así como un palco da música, que foi sustituído recentemente por un cuberto. Pero se hai algo que quedou gravado na memoria de moitos veciños da parroquia foi a festa do Carme organizada por Gerardo para todos eles. Postos de rosquillas e música foron pagados polo filántropo, nunha celebración que moitos maiores recordan como "A festa do Carme de Senra".

A palabra filantropía casa perfectamente coa labor de Vicente Ramos no Concello de Brión. Tras facer fortuna en Arxentina, este home nacido en Brión adicou esforzos e capital á mellora do seu pobo natal. O acondicionamento da Carballeira de Santa Minia para uso mercantil (1912), a edificación da actual casa da Cultura, ou a fonte de Mercurio (1913), foron ás súas aportacións en Pedrouzos; mentres que no Tremo, lugar onde acabaría fixando a súa residencia, instalou o primeiro alumeado, e habilitou o campo do mercado. A este fillo predilecto do Concello lle foron adicadas placas, fontes, unha avenida e un busto esculpido por Francisco Asorey. A súa casa do Tremo é un perfecto exemplo da magnificencia da "arquitectura indiana".

Coñecida como "Villa Paulina", foi construída no ano 1918. Cun estilo arquitectónico autóctono, destacan nela diversos motivos coloniais. Edificio de dúas plantas, equilibrado e proporcionado, no que chama particularmente a atención a balaustrada pétrea que coroa a fachada principal. Unha cenefa clásica rematada por vasos ubicados sobre as pilastras. O traballo de forxa tamén toma protagonismo na construcción, decorando os cinco ventanais do fronte, ademais de pechar os laterais da extensa finca, na que sobresaen as palmeiras, árbores característicos da orixe indiana do promotor.

"Casa América". Tamén ubicada no Tremo (Os Ánxeles), foi edificada en 1898 polo tío da súa actual propietaria, América Gisande, quen emigrara a Florida anos antes. De estilo autóctono, a súa impoñente fachada principal de sillería sobresae no conxunto do edificio. Separado da beirarrúa grazas a un zócalo basamental co que se accede á vivenda tras ascender tres peldaños, o edificio está construído íntegramente en pedra, se ben as dúas fachadas laterais e a posterior son de mampostería. O seu seño de identidade está na porta principal, vano que se ve enfatizado por dúas columnas laterais rematadas por un capitel floral sobre o que se asentan dous medallóns escultóricos. Desta casa tamén destaca o seu xardín, no que se atopan froiteiras e as indicativas palmeiras.

Na Avenida de Santa Minia de Pedrouzos podemos atopar moitos exemplos desta "arquitectura indiana", como os seguintes:

- "Casa de Jesús Blanco". Promovida polo propio emigrante que lle da nome á vivenda, foi levantada en 1931, seguindo un estilo autóctono con elementos coloniais. De estructura moi similar ás edificacións antes mencionadas, o que máis chama a atención desta vivenda é a súa balaustrada de pedra que remata a fachada principal, na que destacan os vasos sobre as pilastras. Outro elemento diferenciador é o traballo da súa porta principal, tanto ó referente á madeira, como á rexería, de estilo tardomodernista. Separado da rúa cun pequeno vallado de forxa, este permite contemplar un xardín cunha fonte e diversas especies arbóreas, entre as que volven a aparecer as palmeiras.

- "Casa de Antonio Blanco". Tamén emigrado a Cuba, Antonio, o irmán de Jesús Blanco, construiu esta vivenda pouco despois que o seu irmán. Datada no ano 1932, é tamén de estilo autóctono con detalles coloniais, pero difire da anterior en moitos aspectos. Ademais de crecer en horizontal, a súa característica máis atractiva é a galería ubicada no centro da segunda planta, sobre a entrada principal. Os seus relevos na zona inferior, e a crestería que coroa o balcón, xunto á sustitución da balaustrada común por un sotabanco cego nas zonas laterais, rematado nas esquinas por dous vasos, danlle un aspecto elegante e solemne.

- "Casa de Manuel Castro". Levantada no ano 1932 polo emigrante do que adoptou o nome, esta sinxela vivenda segue os patróns do estilo autóctono, sen que ningunha característica particular o poda relacionar co "estilo indiano". Aparte dunha estructura equilibrada e proporcionada nas súas dimensións, o que máis chama a atención e o seu balcón central superior, protexido, como as xanelas laterais, por unha varanda decorativa, de ferro finamente elaborado.


Fontes

* GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (2003). “Brión: Historia, economía, cultura e arte”. Ed. Toxosoutos.

* NÚÑEZ SEIXAS, X.M. (1998). "Emigrantes, caciques e indianos. O influxo sociopolítico da emigración transoceánica en Galicia (1900-1930)". Eds. Xerais de Galicia.

* Documento "Casas de indianos".

* Testimonios de orais de veciños da zona.

* Internet:

-Revista Migratio

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela